CULTURA

Catro concertos en Todo Lírica, que comeza con Ximo Tebar & IVAM Jazz Ensemble

19/12/2011 Co Nadal chega de novo Todo Lírica, un ecléctico ciclo de concertos creado no 2001 co nome de Festival de Zarzuela de Santiago, que segue habitualmente o formato de recitais de voz e piano, e que cada ano vén ampliando os seus contidos a outros xéneros musicais. O ciclo, que se celebra do 23 de decembro ao 3 de xaneiro con catro concertos, foi presentado polo concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e polo director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

Todo Lírica amplía cada ano os seus contidos e xéneros. Precisamente, unha das grandes novidades desta edición 2011 chega no seu concerto inaugural que protagoniza Miles Griffith, reputado e innovador cantante de jazz neoiorquino que foi cualificado polo lendario Wynton Marsalis como "un músico extraordinario que forma parte xa da historia do jazz e o blues do século XXI". Miles Griffith estará acompañado no escenario do Teatro Principal compostelán o venres 23 de decembro polo IVAM Jazz Ensemble, a agrupación residente do Museo de Arte Moderno de Valencia que dirixe o guitarrista e compositor Ximo Tébar e que chega a Santiago en forma de cuarteto formado polo propio Ximo Tébar na guitarra, o pianista Ricardo Belda e dous músicos norteamericanos, o contrabaixista Darryl Hall e o batería Donald Edwards. Miles Griffith debuta en Galicia con este especial concerto de jazz dedicado á música de Nadal.

No segundo concerto (luns 26 de decembro), Todo Lírica presenta a unha nova cantante galega, Gloria Amil. A soprano ferrolá cantará un variado programa que inclúe cancións de Granados, Turina, Schubert e Strauss e arias de ópera de Donizetti (La fille du régiment), Massenet (Manon) e Bernstein (Candide), secundada ao piano polo canario Julio Alexis Muñoz (mestre da madrileña Escola Superior de Canto e acompañante habitual dalgunhas das máis destacadas figuras españolas da lírica).

Unha pequena homenaxe a París renderá no seu concerto do xoves 29 de decembro un trío de artistas vascos, a soprano Ainhoa Zuazua, a mezzosoprano Marifé Nogales e o pianista Rubén Fernández Aguirre (un vello coñecido do público compostelán que non falta á súa cita anual dende a creación deste ciclo hai xa once anos). Este programa, titulado París: opereta, chanson e belcanto, comeza con Manuel García e Paulina Viardot (dous dos membros da musical familia dos García) antes de ofrecer unha variada selección de cancións e arias e dúos de ópera e opereta de compositores franceses de tan variados estilos como Delibes, Berlioz, Messager, Saint-Saëns, Offenbach e Fauré.

O cuarto dos concertos tamén supón unha novidade dentro dos contidos de Todo Lírica, que se achega ao mundo do lied alemán a través de Die schöne Müllerin (A fermosa de muiñeira) de Franz Schubert, sen dúbida un dos ciclos de cancións máis fermosos da historia da música. A proposta de Todo Lírica para a interpretación o martes 3 de xaneiro desta obra de Schubert composta a partir de poemas do alemán Wilhelm Müller inclúe ao actor galego Quico Cadaval xunto aos protagonistas musicais deste concerto, o barítono madrileño Gabriel Bermúdez (unha das voces do panorama lírico español de maior proxección internacional) e, de novo, o pianista bilbaíno Rubén Fernández Aguirre.

No Teatro Principal propón este ciclo un Nadal con moita, variada, alegre e, sobre todo, boa música. As entradas para cada concerto poden adquirirse a 8 euros no servizo de venda de entradas de Novagalicia Banco e na billeteira do Teatro Principal. E tamén está dispoñible un abono de 25 euros para os catro concertos.

Documentos relacionados



Compartir: