ALCALDÍA

Santiago de Compostela xa loce de Nadal

16/12/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, presidiu na praza do Obradoiro o acto de acendido das luces de Nadal. A iluminación adornará 36 rúas e prazas ata o 6 de xaneiro, dende as 18:00 ás 02:00 horas, agás os días 24 e 25 de decembro e 5 de xaneiro, nos que permanecerá acesa ata o amencer.

As luces de Nadal adornan na zona histórica as rúas Algalia de Arriba, Acibechería, Preguntoiro, Calderería, Orfas, Rúa Nova, Rúa do Vilar, Rúa do Franco, Raíña, Fonseca, Xelmírez, San Francisco, Cantón do Toural, Bautizados, Porta Faxeira, Praza de Feixoo, Cardenal Payá, Casas Reais, Rúa de San Pedro, Rúa Travesa, Pescadería Vella e Praza de Cervantes. Tamén estará iluminada a fachada do Pazo de Raxoi. Ao seu carón, un árbore e un Belén.

No Ensanche iluminarase Xoán Carlos I, Senra, Xeneral Pardiñas, república Arxentina, Alfredo Brañas, Montero Ríos, Fonte de San Antonio e Virxe da Cerca, Hórreo, República Salvador, Frei Rosendo Salvado, Santiago del Estero, San Pedro de Mezonzo, Praza de Vigo e Doutor Teixeiro.

Este foi tamén o día escollido para por en marcha no paseo central da Alameda o Mercado de Nadal, con 25 postos con todo tipo de artigos propios da época do Nadal. Alí tamén se instalou un carrusel infantil antigo, que fará as delicias dos máis pequenos. Ademais é gratuíto.

Os nenos poden visitar igualmente o iglú situado na Praza Roxa, onde poden depositar as súas cartas e falar con Papá Noel entre as 17:00 e as 21:00 horas. Tamén segue aberta a pista de xeo da praza da Quintana. Ademais, continúa toda a programación de Nadal organizada polos distintos departamentos municipais, que se pode consultar nesta mesma web.

Compartir: