PARQUES E XARDÍNS

Santiago celebrará o Día da Árbore e o da Auga na Quinta de Brandía

17/03/2006 Rapaces de colexios de Rial, Laraño, Feáns, Villestro e Roxos serán os encargados de plantar árbores de sete especies arbóreas diferentes o día 22 de marzo, con motivo da celebración do Día da Árbore (21 de marzo) e da Auga (22 marzo), organizado polas concellerías de Parques e Xardíns e Educación e Mocidade.

O histórico parque da finca de Brandía será o escenario dun "día de lecer moi importante", segundo declarou Bernardino Rama, concelleiro de Parques e Xardíns, na presentación dos actos previstos para o día 22 de marzo.

Rapaces dos colexios dos arredores de Brandía serán os encargados de facer a plantación de 350 árbores de sete especies arbóreas diferentes. No mesmo acto haberá contacontos e repartirase unha camiseta conmemorativa, ademais dunha guía coa descrición das características das árbores e do ciclo da auga. Rama sinalou que aqueles colexios que desexen plantar árbores nos seus centros poden solicitalo ao concello, de feito está a haber xa unha gran demanda de moitos colexios composteláns.

Compartir: