CULTURA

A Banda Municipal ofrece un novo concerto do ciclo de Novos Intérpretes Galegos

16/12/2011 A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela celebra o domingo 18 un novo concerto do ciclo de Novos Intérpretes, unha das novidades mais esperadas da programación 2011-2012. Este ciclo inclúe sete concertos nos cales a Banda Municipal contará ao longo de toda a tempada con sete solistas diferentes. Desta vez, o solista será o trompetista Víctor Manuel Vilariño.

Trátase de sete mozos galegos con idades comprendidas entre os 15 e os 25 anos e que están levando a cabo os seus estudios musicais tanto en Galicia como no estranxeiro. Con esta iniciativa a Banda Municipal pretende poñer en valor o gran talento dos mozos galegos e o sacrificio e a continuidade que supón estudar unha carreira musical. O primeiro concerto deste ciclo co frautista André Cebrián Garea tivo unha moi boa acollida por parte do público habitual da Banda Municipal e, ademais, atraeu un número importante de persoas interesadas por esta nova iniciativa.

Nesta ocasión, o domingo 18, o solista convidado é Víctor Manuel Vilariño Salgado, que inicia os seus estudos musicais á idade de dez anos co mestre Bernardo Hermida. Posteriormente ingresa na escola de música Unión Musical Ponteledesma e no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. Durante estes anos recibe aula dos mestres Roberto Hermida, Luís González, Guillermo Sabarís e Fernando Rey Mayo.

No 2003 ingresa na escola de Altos Estudios Musicais de Galicia, no 2006 pasa a formar parte da Xoven Orquestra da Sinfónica de Galicia e no 2008 da Joven Orquesta Nacional De España. Durante estes anos formouse con diversos solistas coma Javier Simó, Ramón, Llátser, Luis González Amosa, Aigi Hurn, Javier Viceiro... Foi galardoado co primeiro premio no concurso "Xosé Valcárcel" da Estrada e no concurso que organiza a Fundación Paideia e os Estudios Mans.

Colabora con numerosas orquestras: Orquesta Joven Teresa Carreño (Venezuela), Orquesta Filarmónica de Pontevedra, Orquesta Sinfónica de Galicia, Joven Orquesta Simón Bolívar (Venezuela), Orquesta Ciudad de Granada, Real Filharmonía de Galicia, Orquesta Sinfónica de Castilla y León…

Actuou baixo prestixiosas batutas como Rafael Freibürk de Burgos, Jordi Mora, Jim Ross, Ali Gröen, Lütz Koller ,X. Carlos Seráns, Miguel Rodríguez Barrio, Vìctor Pablo Pérez, Javier Viceiro, Pablo Gonzàlez, Roberto Hermida, Rubén Jimeno, Gustavo Dudamel, Alberto Zedda, Josep Pons, Maximino Zumalave, Vicente Egea, Ross Marbà, Alejandro Posada, Cristóbal Halffter, Pietro Rizzo, Miguel Romea, Cristian Zacarìas, Vasily Petrenko…

Actualmente realiza un máster en especialización orquestral na EAEM, o cal compaxina co seu labor coma docente en diferentes escolas de música.

A cita para este concerto, que ten entrada de balde, será no Teatro Principal, o 18 de decembro, ás 12:00 horas, co seguinte programa:

I parte

- Patrie (abertura), de Georges Bizet e transcrición de Xosé Carlos Seráns (1º vez pola banda).
- Time remembered, de Philiph Sparke.
- Concerto para trompeta, de Johann Nepomuk Hummel (1º vez pola banda).
Trompeta solista: Victor M. Vilariño Salgado.

II parte

- Goddess of fire, de Steven Reineke (1º vez pola banda).
- 1812, de Peter Illych Tchaikovsky.

Compartir: