NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Dermalar, O Gato Cósmico e a xuíza Ana López-Suevos reciben os Premios Manuel Beiras polo uso do galego na súa actividade

15/12/2011 O Concello e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela entregaron os galardóns da décimo segunda edición dos Premios Manuel Beiras. No acto e recepción estiveron presentes o concelleiro de Normalización Lingüística, Ángel Currás; o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; e o vicepresidente da entidade cameral e presidente do xurado dos premios, Evaristo Rodríguez Carracedo; entre outras personalidades do mundo político, empresarial e cultural de Compostela.

O concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Ángel Currás, salientou a importancia duns premios que implican o "recoñecemento ao esforzo das empresas compostelás no proceso de facer normal o emprego da nosa lingua". Para o edil, "o uso do galego nos distintos eidos da actividade empresarial supón non só un distintivo de marca senón tamén un instrumento social, cultural e educativo de grande importancia". Ademais, lembrou que con iniciativas como esta o Concello contribúe a dar cumprimento á Lei de Normalización Lingüística, que establece que as corporacións locais fomentarán o uso do galego no desenvolvemento das actividades mercantís.

Segundo manifestou Jesús Asorey, os Premios Manuel Beiras "xa son un referente na distinción empresarial do uso do galego. "A traxectoria dun emprendedor é unha encomenda difícil de levar adiante. Dedican moito tempo e esforzo para defender a súa empresa e loitar contra a competencia e os prezos de mercado. A pesar das dificultades, moitos destes empresarios sacan tempo para pensar nos detalles, ofrecendo ao cliente como valor engadido unha atención na nosa lingua galega", explica o presidente cameral.

Despois de estudar as candidaturas presentadas e das deliberacións oportunas, o xurado decidiu outorgar os Premios Manuel Beiras, nas categorías previstas nas bases da convocatoria, ás tres empresas que mellor reflicten a esencia desta distinción:

1.- A tenda O Gato Cósmico (rúa Concepción Arenal nº1 local 4) recibiu a distinción dentro da categoría de Incorporación ao uso do galego. Este establecemento ofrece cousas e deseños orixinais feitos por artistas de todos os recunchos do mundo, con toques de ilustración, arte urbano e materiais reciclados. Tamén aposta pola nova filosofía DIY (Do It Yourself) que converte ao consumidor en creador do produto final. O seu obxectivo co proxecto de Santiago é a busca da creación galega, dos novos artistas emerxentes (ogatocosmico.wordpress.com).

2.- Na categoría de Uso continuado da lingua galega, alzouse co galardón A clínica dermatolóxica Dermalar (rúa de Laverde Ruíz, 7 baixo e 1º F) . A clínica artéllase en dous niveis independentes e, á vez, complementarios: a consulta de dermatoloxía do Dr. Del Río, situada no primeiro andar para atender enfermidades da pel e de transmisión sexual, e a clínica Dermalar propiamente dita, ubicada no baixo do mesmo edificio, que dende 2006 traballa coas novas demandas médico-estéticas: láseres, tratamentos cosméticos, toxina botulínica ou a recuperación cutánea con ácido hialurónico (www.clinicadermalar.com).

3.- Finalmente, a Distinción especial recaeu na xuíza do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, Ana López-Suevos Fraguela, pola súa decidida aposta e uso do idioma galego en todas as súas intervencións públicas.

O premio ten un contido simbólico e non supón ningunha prestación económica. O motivo de premiar ás empresas radica en que son un sector económico de capital importancia para conseguir a normalización do idioma na vida cotiá. As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma da comunidade. De maneira simbólica, os premiados recibirán unha escultura de Acisclo Manzano deseñada, en exclusiva, para estes premios.

Compartir: