CULTURA

Teatro do Noroeste representa "Último cowboy" no Teatro Principal

15/12/2011 Teatro do Noroeste representa o venres 16 e o sábado 17, a partir das 21:00 horas, Último cowboy no Teatro Principal. Dirixida por Eduardo Alonso, enmárcase dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios e está protagonizada por Miguel Pernas e Luma Gómez. Os prezos das entradas que están xa á venda na web de Novagalicia Banco e que poden mercarse na billeteira os días de función son de 7 euros en patio de butacas, platea e primeira planta; 5 euros en 2ª planta; e 3 euros no anfiteatro.

En palabras de Eduardo Alonso, autor da obra, "quería escribir un texto sobre a crise que nos desfonda economicamente, sobre os bancos que nos chuchan os cartos, sobre Europa e a súa improbable construción, tamén sobre a soidade do individuo neste mundo globalizado e sobre os valores que nos inculcaron os nosos maiores e que agora xa non teñen vixencia… e saíu Último cowboy".

Último cowboy é tamén unha comedia aceda sobre as relacións familiares. "A absoluta posta en cuestión da familia como célula fundamental do noso instinto social. Se a familia é a unidade unicelular da nosa sociedade, non se pode agardar moito dun corpo composto por células canceríxenas", afirma Alonso, quen engade: "Pero, sobre todo, Último cowboy é un texto teatral de personaxes ou, dito doutro xeito, de actores. As dúas personaxes que nel aparecen, amais dos varios que sen aparecer fisicamente, están; constitúen a esencia mesma da propia proposta. Soamente xente singular pode aportar singulares visións e, do mesmo xeito, só personaxes singulares poden expresar con rotundidade e contundencia a singularidade desta caótica deriva da nosa sociedade". En definitiva, remata Alonso, Último cowboy "tenta ser un espectáculo en clave de comedia aceda sobre a nosa realidade máis complexa e inmediata".

Teatro do Noroeste
Teatro do Noroeste é unha compañía creada por Luma Gómez e Eduardo Alonso, profesionais cunha dilatada experiencia teatral, que comezou a súa actividade en 1987. Ten realizado montaxes de textos clásicos como Médea, de Eurípides; Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare; e de autores contemporáneos, basicamente galegos, como Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro; A gran noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado; ou Campo Sur, de Lino Braxe, entre outros. Un dos seus anteriores espectáculos producidos, o musical Imperial Café Cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, recibiu os premios María Casares ao Mellor Texto, Mellor Escenografía, Mellor Vestiario, Mellor Música e Mellor Iluminación.

Compartir: