CONSORCIO

O Consorcio de Santiago remata as obras de restauración da Casa do Cabido

15/12/2011 Logo de once meses de obras de rehabilitación, un mes antes do previsto, o edificio barroco coñecido como Casa do Cabido volve abrir as súas portas destinado a uso público. O seu primeiro uso logo da súa restauración, será unha exposición que recreará a Compostela de 1211, ano da consagración da Catedral.

En 2008, o Consorcio de Santiago iniciaba o proceso de adquisición da casa do Cabido, ata entón de titularidade privada, co obxectivo de abrila ao público formando parte do proxecto de actuación na praza de Praterías, xunto coa nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago, que se está a construír no antigo Banco de España. En paralelo, a Oficina Técnica-Taller de Proxectos do Consorcio de Santiago redactou un proxecto de restauración e rehabilitación integral do edificio, incluíndo a adecuación do inmoble anexo situado na esquina coa rúa da Raíña.

As obras propiamente ditas e agora rematadas comezaron no inicio deste ano 2011. Foron executadas pola empresa Diconsa, por un importe de 797.207 euros, e nelas participaron máis de cen traballadores e artesáns cualificados, como canteiros, albaneis, carpinteiros, cesteiros, restauradores ou ferreiros, entre outros. Todo isto confirma a importancia deste tipo de intervencións na repercusión para a economía local e a xeración de emprego cualificado. O 70% do importe da obra foi achegado dende o chamado "1% Cultural", aportado polo Ministerio de Fomento.

A Casa do Cabido é un dos mellores exemplos de barroco compostelán proxectado polo arquitecto Clemente Fernández Sarela, aparellador de Fernando de Casas. Construída no século XVIII, está considerada unha das máis importantes e coñecidas intervencións da escenografía barroca urbana na cidade de Santiago de Compostela.

As actuacións no inmoble permitiron recuperar todo o edificio e a construción adxacente, que presentaban un estado de conservación moi deficiente. Todo o conxunto recuperado permite incorporar ao uso público un total de 627 metros cadrados, repartidos en planta baixa, primeiro e segundo piso e baixo cuberta. A rehabilitación respectou os elementos orixinais que foron recuperables, tales como vigas e outras pezas de madeira en portas e escaleiras. Tamén se adaptou o edificio para persoas con mobilidade reducida. Instalouse un corpo intermedio entre o inmoble de Praterías e o da Raíña, concibido a modo de novo núcleo de comunicación formado por unha escaleira e un ascensor.

Como primeiro uso logo da súa rehabilitación, o edificio albergará unha exposición enmarcada no programa do oitavo centenario da consagración da Catedral e que recreará a Compostela de 1211.

A Casa do Cabido ou Casa da Estrela
A edificación nace como unha resposta do cabido catedralicio para o peche polo lado sur da praza das Praterías, levantado a modo de tribuna sobre o espazo aberto. O afamado arquitecto Clemente Fernández Sarela comeza as obras en 1755, e remátaas en 1758, deixando constancia no frontispicio coa inscrición "Pro commoditate ac ornato urbis". Nela traballaron, ademais do arquitecto, algúns dos mellores canteiros, carpinteiros e ferreiros da cidade.

Unha das curiosidades da nova construción reside na súa disposición, subordinada á súa situación como un dos peches da praza. De feito, as súas dimensións revelan un edifico estreito e rectangular, con 25 metros de fachada e 3,5 metros de profundidade.

A propiedade orixinal correspondía ao propio Cabido catedralicio e, tras a desamortización, saíu a poxa pública, pasando a mans privadas. Os que foron os seus últimos propietarios herdárona en 1988. Dende 1990 foi obxecto de pequenas reparacións e, logo da aprobación do Plan Especial da Cidade Histórica en 1997, inícianse os trámites para a redacción dun Plan Director. Neste sentido, cómpre lembrar que o edificio ten catalogación de nivel 1, a da máxima protección. O Plan Director de restauración remátase en 2006, e en 2008 o edificio pasa á titularidade do Consorcio de Santiago, que inicia o proceso de recuperación e a súa incorporación ao dominio público no futuro Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Compartir: