EDUCACIÓN

Un debuxo sobre os Reis Magos na pista de xeo será a imaxe do cartel do Nadal 2011

15/12/2011 O xurado emitiu o seu veredicto e xa se coñece o debuxo que ilustrará o cartel do Nadal 2011. Será unha ilustración realizada por unha rapaza de 11 anos, Carmen Sánchez, que amosa os Reis Magos rodeados de nenos na pista de xeo instalada na praza da Quintana.

O alcalde compostelán, Xerado Conde Roa, achegouse a saudar os nenos que formaron parte do xurado do concurso, xunto con tres representantes municipais e un profesional do deseño. Segundo o concelleiro de Educación, Ángel Currás, eles tiveron a difícil misión de escoller, entre 600 presentados, os debuxos que ilustrarán o cartel do Nadal e o programa destas festas.

En realidade, estes finalistas eran xa froito dunha primeira selección realizada nos centros, polo que no concurso participaron máis de 1.000 escolares de colexios públicos, concertados e privados. Indicou que a intención do Concello é darlle continuidade a este certame, porque "potencia a creatividade" dos rapaces e rapazas.

O debuxo gañador realizouno Carmen Sánchez Cernadas, alumna de 11 anos do Colexio A Milagrosa. O segundo premio recaeu nunha ilustración colectiva do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón, e o terceiro en Mario Came Nieto, escolar de catro anos do Colexio Vilas Alborada. Concedéronse tres accésit, por esta orde, a Noa Besada Rodríguez, de 3º de Educación Infantil do Colexio San Xosé de Cluny; á Escola Infantil de Conxo; e a Gabriela Albarello Bello, de 5 anos, do Colexio Vilas Alborada.

Os premios do concurso, no que puideron participar todos os escolares de educación infantil e primaria do municipio de Santiago, entregaranse nun acto presidido polo alcalde o luns 19 de decembro. A contía dos premios é a seguinte: 1º premio: 320 € dos que 200 € son para o gañador e 120 € para o colexio; 2º premio: 215 €, 125 € para o alumno e 90 € para o centro; 3º premio: 160 € repartidos entre 100 € e 60 € para o neno e o colexio respectivamente. Os tres accésit serán de 60 euros cada un.

Os premios para os nenos/as e centros de ensino gañadores serán trocados polo Departamento de Educación por agasallos (xogos, xoguetes, libros, material didáctico, material informático, material audiovisual e fotográfico, material artístico…), de acordo coas súas familias e directores/as dos centros de ensino, para garantir que un agasallo destas características satisfai o interese de cada neno/a e de cada centro.

Compartir: