COMERCIO

O comercio de Santiago celebra as súas primeiras Noites Abertas cunha viaxe a Eurodisney e moitos premios máis

15/12/2011 A Concellería de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, dirixida por Reyes Leis, organiza por primeira vez as Noites Abertas do comercio compostelán, que se integran dentro do programa municipal de actividades para Nadal e que contan coa colaboración das asociacións comercias da cidade, Acotés, Compostela Monumental e Santiago Centro.

As Noites Abertas celebraranse os días 23 e 30 de decembro e o 4 de xaneiro. As tendas da cidade abrirán as súas portas ata as doce da noite para ampliar o horario comercial habitual e facilitar as compras de última hora no pequeno comercio da cidade.

Para incentivar a participación do público, desenvolveranse diferentes accións: ampliarase o horario habitual tanto do iglú da Praza Roxa (onde estará Papa Noel ata o día 23 e o Paxe Real entre os días 24 e o 4 de xaneiro), coma do Mercado de Nadal da Alameda, para que coincidan co horario das Noites Abertas.

Ademais farase un concurso con importantes premios entre todas as persoas que fagan algunha compra nalgunha das tendas participantes nas Noites Abertas. Os premios son: 1 viaxe a Eurodisney para catro persoas de xoves a domingo, dúas fins de semana en Torre do Deza Hotel & Spa, tres ceas para dous persoas nos restaurantes Caney, Porta Faxeira e Mercadito, e catro cheques agasallo de 50 euros nas tendas que participen nas Noites Abertas. Dende o Concello distribuiranse 15.000 boletos para participar no concurso entre as tendas que participen na actividade.

Nos vindeiros días a cidade irase preparando para estas tres noites cunha campaña que tomará as rúas da cidade, con indicativos da mesma que se colocarán en mobiliario urbano, nas beirarrúas e nos escaparates dos comercios que participen na acción. Ademais, habilitarase unha aplicación informática na web da Concellería, onde estarán todos os comercios participantes.

As tendas interesadas en inscribirse nas Noites Abertas poden facelo remitindo a seguinte documentación ao correo electrónico inscricionspe@santiagodecompostela.gal. A documentación que é preciso enviar é: Solicitude de alta no aplicativo de maiscompostela.org (adxúntase modelo e condicións da solicitude); Logo/imaxe corporativa do comercio interesado; Breve presentación do comercio interesado; Texto descritivo da acción específica que cada comercio decida ofrecer nesas noites no seu establecemento.

O prazo de inscrición remata o luns 19 de decembro. Para máis información: Concellaría de Economía, Comercio, Turismo e Mercados. Teléfono 981 542 493.

Compartir: