ALCALDÍA

Unha comisión de estudio entre Concello e comerciantes avanzará nas probas de peonalización no Ensanche

14/12/2011 Tras a reunión mantida coas dúas asociacións comerciais do Ensanche, Acotés e Santiago Centro, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, anunciou a creación dunha comisión de estudo que se encargará se trazar as liñas de futuras probas de peonalización nalgunhas rúas desta parte da cidade.

Deste encontro saíu a proposta, aceptada polo Concello, de aprazar a segunda experiencia de peonalización, inicialmente prevista para o sábado 17 e o domingo 18, para despois do Nadal. "As asociacións pedíronnos isto e aceptámolo con moito gusto", indicou o alcalde, quen afirmou entender as razóns nunhas datas nas que "teñen unha das campañas máis fortes de vendas".

A comisión de estudo, formada polos representantes comerciais e os concelleiros das áreas implicadas na peonalización, sevirá para "ir avanzando en problemas e solucións" cara a futuras probas neste sentido, tras a inicial do 10 e 11 de decembro. Nesta comisión falarase de cuestións como a posible posta en marcha da medida en días laborables ou da súa extensión a outras rúas. Entre estas, Conde Roa mencionou Carreira do Conde.

Xunto ao alcalde compareceron en rolda de prensa os presidentes de Acotés, Antonio Pérez, e de Santiago Centro, José María Fernández, que agradeceron a "receptividade" municipal neste tema. Neste sentido, Conde Roa reiterou que "os comerciantes do Ensanche terán sempre persoas que os escoiten" e desexoulles éxito na campaña de vendas do Nadal.

Documentos relacionados



Compartir: