ALCALDÍA

Un novo libro recolle as actas dos X Encontros Internacionais e do Congreso de Filosofía no Camiño de Santiago

14/12/2011 O Hostal dos Reis Católicos acolleu a presentación do libro Las raíces del humanismo europeo y el Camino de Santiago. Esta publicación, coordinada polos profesores da USC Marcelino Agís e Agustín Dosil e o presidente da Fundación Ad Sanctum Iacobum Peregrinatio, Marcelino Oreja, recolle as actas dos X Encontros Internacionais e do Congreso Internacional de Filosofía no Camiño de Santiago de 2010

A publicación é unha recompilación das actas dos X Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago e mais do Congreso Internacional que baixo a mesma denominación se celebrou en Santiago de Compostela os días 4 e 5 de novembro de 2010, organizado pola Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA) e baixo o patrocinio da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia e do Xacobeo.

Publicado pola USC, o volume recolle os relatorios duns encontros nos que se convocou a persoal experto en filosofía, economía, política e diversos ámbitos do social para reflexionar sobre "as raíces do humanismo europeo que de xeito senlleiro encarnou e encarna o Camiño de Santiago", en palabras dos organizadores. Cada un dos capítulos desta obra contribúe, dende un punto de vista específico, a interpretar a crise de valores do tempo actual e a propor solucións partindo da necesidade de construír un novo humanismo, recuperando a dimensión transcendente do home e os valores da persoa.

O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, participou na presentación do libro, nun acto ao que tamén asistiron o subdirector xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Santiago Álvarez; a directora xerente do Plan Xacobeo, Camino Triguero; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Luis Blanco Valdés; e os coordinadores da obra: Marcelino Oreja, Agustín Dosil e Marcelino Agís.

Compartir: