EDUCACIÓN E TRÁFICO

A campaña "Ao cole seguros" conciencia os máis pequenos sobre os desprazamentos seguros aos centros educativos

13/12/2011 Presentouse no CEIP López Ferreiro a campaña Ao cole seguros, dirixida aos escolares de primeiro ciclo de educación primario. O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos escolares sobre os desprazamentos seguros ao colexio como peóns e como viaxeiros de transporte público e de vehículo privado.

O Concello de Santiago uniuse a esta campaña de ámbito nacional, promovida polo Real Automóbil Club de España (RACE), e o fabricante de pneumáticos Goodyear. Na presentación de Ao cole seguros participaron o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa; os concelleiros de Educación, Ángel Currás, e de Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez; o director de Seguridade Viaria do RACE, Tomás Santa Cecilia; o coordinador do programa, Juan Antonio Sánchez Trillo; e a directora de Comunicación de Goodyear, Nieves Fuentes. Todos eles puideron coñecer o traballo que realizan os escolares arredor dos materiais didácticos da campaña e as súas actividades prácticas.

O programa xira en torno a un material de educación viaria composto por: un caderno de actividades para o alumnado, unha guía multimedia para o profesorado e un chuvasqueiro de alta visibilidade homologado para cada escolar, coa finalidade de facerse ver como peóns en condicións de pouca luminosidade. O Departamento de Educación distribuirá este material entre os centros educativos da cidade dentro das súas actividades de educación viaria.

A campaña Ao cole seguros está inspirada no concepto "camiño escolar seguro", baseado en proporcionar recursos aos menores para facer máis segura e autónoma a súa mobilidade aos centros educativos. Por tanto, tres son os obxectivos propostos: fomentar comportamentos peonís seguros e responsables, aumentar o uso dos sistemas de retención infantil no vehículo privado e incrementar os niveis de seguridade dos escolares no transporte escolar.

Proceso educativo e implicación
Para a consecución destes obxectivos, dende a Concellería de Educación considérase fundamental implicar á comunidade educativa, pais e nais, e cidadanía en xeral. Trátase dun proceso educativo que necesita tempo, recursos e a implicación de diferentes servizos municipais, comunidades escolares e outros colectivos cidadáns.

Esta iniciativa irá acompañada doutras ao longo do curso escolar, como plans e simulacros de evacuación nos centros de ensino, visitas escolares aos servizos básicos de seguridade ou cursos de formación de profesorado e de conserxería dos centros de ensino, entre outras propostas.

Redución de riscos
Durante o ano 2010, en España faleceron atropelados 23 nenos menores de catorce anos, o 90% en zona urbana. Por este motivo, a campaña "Ao cole seguros" inclúe, ademais do material didáctico para alumnado e profesorado, o reparto de 2.000 chuvasqueiros de alta visibilidade. Esta medida vai encamiñada a reducir o risco de atropelo en condicións de pouca luz (néboa, choiva intensa e durante a noite.

Ademais, o 66% de nenos falecidos en 2010 eran pasaxeiros de vehículo a motor. Nos asentos dianteiros e traseiros, os menores cunha estatura inferior a 135 centímetros deben utilizar sempre cadeiras de seguridade adaptadas. A sanción por non levar o sistema de retención pode alcanzar os 300 euros e a retirada de tres puntos do permiso de condución.

O uso do cinto de seguridade nos autobuses reduce as lesións mortais nun 90%. A pesar de ser un transporte seguro, durante o ano 2010 víronse implicados en accidentes con vítimas 54 autobuses escolares, nos que resultaron feridos 38 pasaxeiros e seis condutores.

Segundo e enquisa Movilia (Ministerio de Fomento), o 60% dos desprazamentos ao colexio realizados polos menores de 14 anos prodúcense a pé. Crear rutas urbanas seguras é responsabilidade das administracións públicas e da cidadanía, indican dende a Concellería de Educación.

Documentos relacionados



Compartir: