TURISMO

O Fórum Gastronómico Santiago 2012 presenta o programa profesional

13/12/2011 A Concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, participou na presentación do programa profesional do Fórum Gastronómico 2012, que terá lugar en Santiago de Compostela do 26 ao 28 de febreiro. A concelleira estivo acompañada no Hostal dos Reis Católicos polos directores do Forum Gastronómico, Pep Palau e Jauma von Arend.

Reyes Leis destacou o bo momento que está pasando a gastronomía galega, recentemente recoñecida por primeira vez con dez estrelas Michelin. Neste sentido, apuntou que o Fórum é un gran escaparate para poñer en valor a cociña galega e a Santiago de Compostela como destino gastronómico.

Jaume von Arend comezou a súa intervención explicando a situación actual do Fórum e como se chegou ata aquí. Sinalou que "o Fórum está espertando un gran interese no sector agroalimentario e proba diso é que o 90% do espazo feiral dispoñible no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia atópase vendido, con máis de 200 empresas representadas -o 70% das cales son galegas- e de seguir o actual ritmo de vendas, a organización está matinando a posibilidade de ampliarmos o espazo feiral e así poder dar cabida ás empresas que aínda queren estar presentes na feira do Fórum".

O co director tamén destacou que "os sectores da hostalería e os viños, a través das súas asociacións e colectivos, manifestaron publicamente a súa vontade de colaboración co evento para que, unha vez máis, o Fórum convértase no escaparate da gastronomía galega. Unha mostra máis da solidez e o arraigamento do Fórum en Santiago".

Von Arend quixo destacar tamén o papel que as administracións de Galicia e Cataluña terán nesta cita pois "ambas apostan por potenciar a presenza dos seus distintos consellos reguladores, indicacións protexidas, marcas de calidade e produtores" e tivo palabras de afecto para os distintos patrocinadores.

Os patrocinios institucionais son Xunta de Galicia, Concello de Santiago, Deputación da Coruña, Consorcio de Santiago e Turgalicia; o patrocinador principal é Estrela Galicia e o resto de patrocinadores do Fórum Gastronómico Santiago 2012 son Paradores, Chocolate Academy (Barry, Callebaut, Chocovic), Schweppes, Asociación Hostalería Compostela e Rosareiro-Angelo Po. Por outra banda,os técnicos corren a cargo de Bragard, Josmaga, Castey e Aceites Abril.

Pola súa banda, Pep Palau destacou que o programa está construído desde a vontade de servizo ao sector e coa vocación de seguir contribuíndo á formación e a aprendizaxe e de ofrecer novas ferramentas. Así mesmo, explicou que no Fórum falarase de cociña, agricultura, pesca, economía pero tamén de ciencia. Destacou o papel que Galicia terá nesta edición do Fórum Gastronómico e a posta en valor que nel conseguirán os produtos galegos.

Talleres e Aula Activa
Palau debullou os distintos espazos nos que acontecerán as actividades. Nos Talleres terán lugar as demostracións protagonizadas polos mellores especialistas, con auténticas degustacións dos pratos elaborados polo cociñeiro. Trátase dun espazo reducido, próximo, que permite interactividade, cun límite de 60 prazas que precisa de inscrición previa. A súa duración é de 1 hora. O prezo das xornadas profesionais é de 20 €.

Unha novidade destacada en Santiago desta edición do Fórum é o Aula Activa. É un espazo experimental e interactivo no que os asistentes terán o privilexio de estar xunto ao mestre e probar os seus pratos. A súa duración é de tres horas, con capacidade exclusiva para 20 persoas tras inscrición previa. O prezo será de 50 €.

O Auditorio é o grande espectáculo da cociña en directo. Nel terán lugar sesións maxistrais a cargo de relatores de recoñecido prestixio. Cabe destacar tamén que no Fórum 2012 o acceso ao Auditorio será gratuíto coa entrada ao recinto feiral, o que supón unha novidade en Galicia.

Durante a presentación do Fórum 2012 tamén se subliñou o papel que xogarán Fórum Viño e Fórum Doce, dúas miradas específicas á enoloxía e ao mundo doce.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: