XUNTA DE GOBERNO

Unha ordenanza regulará a publicidade e a rotulación nos diferentes ámbitos da cidade

12/12/2011 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de ordenanza reguladora da publicidade e da rotulación en Santiago de Compostela. Esta normativa específica ten como obxectivo fixar medidas protectoras para ámbitos como o casco histórico e fomentar solucións innovadoras para outras partes da cidade.

A concelleira de Urbanismo, María Pardo, explicou as liñas básicas desta ordenanza, que será sometida ao Pleno. Tras a súa aprobación inicial abrirase un período de información pública de 30 días, co fin de ratificar definitivamente a normativa no pleno de febreiro, segundo anunciou. Neste sentido, convidou os cidadáns a participar neste período de alegacións.

En canto ao casco histórico, a ordenanza establecerá medidas protectoras. Así, a edil falou de "restrinxir a actividades publicitaria (materiais, técnicas e deseños)" e de "protexer os edificios dos danos por instalacións publicitarias". Avanzou que se van prohibir os rótulos luminosos na zona histórica.

Para outras áreas da cidade, María Pardo apostou por "solucións vangardistas" e "novas formas de publicidade". A ordenanza regulará o tipo de escaparates e rótulos que se poderán instalar en espazos públicos ou áreas comerciais.

Urbanización da rúa Virxe Branca
Tamén en materia de urbanismo, o Goberno local aprobou o proxecto de reurbanización da rúa Virxe Branca, cun orzamento de 260.958 euros. Esta rúa do Castiñeiriño está situada entre os SUNP 11 e 12 e precisa de reparacións en canalizacións, beirarrúas e accesos ás vivendas, segundo explicou a concelleira.

Iniciativa local de emprego
Outro dos acordos da sesión ordinaria foi a cualificación como iniciativa local de emprego do proxecto empresarial UNEM, destinado a ofrecer servizos de emprendemento e spin-off (estudos de viabilidade, plans de empresa, trámites de constitución) á Universidade e a empresas.

A cualificación implica a autorización do uso de instalacións do CERSIA e a participación dos promotores nas actividades formativas do Concello durante os exercicios 2011 e 2012. Os dous promotores prevén que en 2013 (2º ano de funcionamento) poidan crear dous postos estables de traballo.

Regulamento de goberno e administración
Ademais, a Xunta de Goberno coñeceu o informe sobre o proxecto de Regulamento orgánico de goberno e administración do Concello de Santiago de Compostela. En palabras da voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, esta norma é unha esixencia da Lei de Grandes Cidades.

Convenios con entidades deportivas
Finalmente, deuse conta da sinatura de tres convenios de colaboración entre o Concello e tres entidades deportivas da cidade: Lobelle de Santiago (115.241 euros), Fundación Compostela Deporte (29.750 euros) e Club Tríatlon Bricosa (10.200 euros). Tamén se aprobou outro acordo, por 10.500 euros, coa Escudería Compostela.

Compartir: