DEPORTES E BENESTAR SOCIAL

Primeira edición do Campus Vero Boquete

12/12/2011 Nace, con vocación de continuidade e consolidación, o Campus Vero Boquete de fútbol e fútbol sala. A primeira edición do evento celebrarase no complexo deportivo de Santa Isabel os días 27, 28 e 29 de decembro.

O I Campus Vero Boquete foi presentado en rolda de prensa polos concelleiros de Deportes, Adrián Varela, e de Familia e Benestar Social, Paula Prado, acompañados pola directora do Campus, Uxía Parcero e pola protagonista do mesmo, a futbolista compostelá, Verónica Boquete. Todos eles destacaron o carácter deportivo e educativo deste proxecto, no que ademais de aprender fundamentos técnicos e tácticos, os participantes vivirán tres intensas xornadas de convivencia.

Esta iniciativa, pioneira en Galicia por ser a primeira vez que unha muller é a protagonista dun campus de fútbol, contará con adestradores, árbitros e deportistas do primeiro nivel, tanto de fútbol como de fútbol sala. O Campus está dirixido a rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos. Desenvolverase en xornadas de 10:00 a 14:00 horas, agás o último día, onde a convivencia se prolongará cunha comida no Centro Xuvenil Don Bosco.

Adrián Varela encargouse de glosar a ampla traxectoria da futbolista compostelá Verónica Boquete, quen se declarou agradecida por ser a protagonista deste Campus. Precisamente, os compromisos co seu club ruso actual, coa selección española e coa súa volta a Estados Unidos en 2012 obrigaron a situar o evento nestas datas de Nadal, nas que sempre atopa un oco para estar en Compostela.

Toda a información sobre o Campus está dispoñible na páxina web da deportista: www.veroboquete.com. Tamén se pode obter información nos teléfonos 629 423 964 e 669 050 225 e na dirección electrónica campusveroboquete@gmail.com. O prezo de inscrición é de 40 euros por participante, que serán 60 euros no caso de anotarse dous irmáns. De optar tamén polo aloxamento, o prezo será de 90 ou 150 euros, respectivamente.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: