ALCALDÍA

Conde Roa salienta o carácter vertebrador do tramo de alta velocidade que une Santiago con Ourense e A Coruña

10/12/2011 A alta velocidade arrancou en Galicia cunha viaxe inaugural entre A Coruña, Santiago e Ourense que durou unha hora e nove minutos e no que participou o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, así como os rexedores das outras dúas cidades, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o ministro de Fomento en funcións, José Blanco; ou o presidente de Asturias e extitular da carteira de Fomento, Francisco Álvarez Cascos.

O traxecto, cuxa distancia total é de 148,8 quilómetros, iniciouse ás 11.00 horas na cidade herculina, trala inauguración dunha placa conmemorativa na estación de ADIF. O tren parouse na capital galega, onde se incorporou, entre outros, o alcalde da cidade, Xerardo Conde Roa. Ás 12.09 horas concluíu a viaxe, na que se alcanzaron picos de velocidade de ata 220 quilómetros por hora. Na cidade das Burgas tivo lugar o acto institucional oficial a partir das 12.15 horas.

Xerardo Conde Roa quixo facer fincapé en que se inauguraba "un novo tramo de alta velocidade que vai contribuír decisivamente á vertebración e cohesión da nosa Comunidade". O rexedor compostelán sinalou que a cidade de Santiago e os municipios da súa contorna vén ensanchados os seus termos municipais como tamén Ourense e A Coruña, que "senten Santiago como espazo de oportunidades propio e máis cercano. Ou acaso, máis que ensanchados os nosos termos e límites municipais, hoxe recoñecémonos sen termos e sen límites".

"Temos claro que esa idea da Galicia única non supón menoscabo das identidades locais, nin supón menoscabo da nosa autonomía institucional". Sumándose ás palabras de Núñez Feijóo, o alcalde compostelán rematou indicando que "é claro que cando o presidente da Xunta alude á idea de Galicia entendida como unha cidade única e policéntrica pensa na premisa irrenunciable dunhas infraestruturas de transporte capaces de comunicarnos en pouco tempo e nas mellores condicións".

Características dos trens Avant
Os trens Avant correspóndense cunha alta velocidade de media distancia, a diferencia da AVE, que é de longa distancia e pasa dos 300 quilómetros por hora. Con esta nova liña, o percorrido Santiago-Ourense pasará dos 94 minutos actuais a 38; mentres que o da Coruña-Santiago se realizará en 28 minutos, sete menos que na actualidade (35). A viaxe completa, entre A Coruña e Ourense, reducirase en 67 minutos, ata os 68.

O prezo do billete sinxelo será de 13,5 euros para o tramo Santiago-Ourense; 10,5 euros entre A Coruña e Santiago e 22,5 euros entre A Coruña e Ourense. O servizo, que de forma comercial comeza este domingo, prestarase con trens de última xeración, os da serie 121, fabricados por CAF-Alstom, que son de ancho variable e foron especialmente deseñados para cubrir os servizos de Media Distancia por vías UIC e convencionais. Na estación de Santiago, Renfe dispuxo dun novo Punto de Información e Atención ao Cliente coincidindo coa posta en servizo do produto Avant.

Documentos relacionados



Compartir: