ALCALDÍA

O Concello de Santiago e o Arcebispado homenaxean a Xoán Pablo II cunha escultura na praza da Inmaculada

08/12/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, presidiron a homenaxe ao beato Xoán Pablo II dentro dos actos conmemorativos do 800 Aniversario da Catedral de Santiago. Unha escultura co seu busto, obra de Cándido Pazos, preside desde hoxe a praza da Inmaculada e da a benvida aos peregrinos e peregrinas.

No día da festividade da Inmaculada Concepción o Concello e o Arcebispado inauguraron un busto do beato Xoán Pablo II, que visitou Santiago dúas veces durante o seu papado, no Ano Santo de 1982 e en 1989, con motivo da Xornada Mundial da Xuventude.

Ambas visitas foron recordadas polos dous mandatarios con profundo agradecemento xa que, en verbas do arcebispo "deron un impulso relixioso á cidade e unha gran proxección internacional". Pola súa banda, o rexedor compostelán quixo lembrar as palabras de Xoán Pablo II nas que salientaba que Santiago se convertera en punto de converxencia de Europa e que a peregrinación favoreceu a comprensión mutua de pobos europeos tan distintos como os lativos, eslavos ou saxóns, entre outros. Segundo Conde Roa, "estas palabras dan sentido ao peregrinar do noso tempo".

Tralos discursos, o arcebispo bendeciu o busto, realizado por Cándido Pazos, e a familia Trillo Rosón realizou unha ofrenda floral. Coa interpretacións dos himnos de España e de Galicia remataba o acto, ao que lle seguiu unha misa na Catedral oficiada por Julián Barrio.

Compartir: