CULTURA

Seis compañías galegas no X Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán

07/12/2011 Presentárono en rolda de prensa o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou; a presidenta de Fegatea, Chelo Pampillón; o vicepresidente, José León; e o director de Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero. Ademais, Fegatea celebra tamén as VI Xornadas de Teatro que serán os días 9 e 10 na Cidade da Cultura, lugar onde tamén se poderá ver a Exposición do X Aniversario da Federación.

O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán chega á súa décima edición organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado. Celebrarase do 9 ao 14 de decembro no Teatro Principal, como vén sendo habitual nos últimos anos. Ademais, a cidade acolle tamén as VI Xornadas de Teatro Afeccionado que se celebran os días 9 e 10 na Cidade da Cultura, onde tamén se poderá ver a exposición do X Aniversario da Federación. Todos estes eventos foron presentados esta mañá en rolda de prensa polo director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou; a presidenta de Fegatea, Chelo Pampillón; o vicepresidente, José León; e o director de Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero.

Seis compañías galegas, chegadas desde Lugo, Narón, Ourense, A Coruña e tamén unha compañía da cidade son as seleccionadas de entre as dezanove presentadas para amosar as súas pezas no Teatro principal dentro do X Festival Agustín Magán. A un prezo de 3€ por entrada poderemos ver , do 9 ao 14, e nesta orde: ‘Esperando a Godot’ de NNC Teatro; ‘Homes en escabeche’ de Hipócrita Teatro; ‘As alegres comadres’ de Achádego Teatro; ‘O método’ de O Aturuxo de Melpómene; ‘Baile de sombras’ de Teatro no Aramio; e ‘Ópera pánica (Cabaret tráxico)’ de Marañao Teatro. Todas as funcións son ás 21.00h agás a de Hipócrita Teatro que será ás 20.00h. Segundo indican desde a organización poderemos ver con estas seis obras todas as clases de teatro: danza-teatro, teatro experimental, teatro clásico, comedia, drama… Unha mostra que deixará máis que claro ante o panorama cultural galego e os representantes chegados de outras partes do Estado que en Galicia o teatro afeccionado é unha realidade con proxección cultural dunha alta calidade.

Xornadas e exposición na Cidade da Cultura
Fegatea celebra tamén nesta semana as VI Xornadas de Teatro Afeccionado. Serán os días 9 e 10 na Cidade da Cultura. Con estas xornadas, a Federación galega busca establecer un foro onde estudar como o teatro, e mesmo o teatro afeccionado, é capaz de asentarse como realidade cultural, económica e de vertebración no século XXI. E fai esa reflexión coas federacións do resto do Estado. Así, as federacións que compartirán mesa de traballo coa galega serán as de Asturias, Castela-León, Castela-A Mancha, Navarra, Cantabria, Madrid e Valencia, e tamén organizacións como Escenamateur e blogs de teatro afeccionado.

Ademais, na Cidade da Cultura poderá verse tamén a exposición de celebración dos dez anos de Fegatea, onde se presenta un percorrido da federación a través da experiencia dos grupos de teatro que conforman a entidade.

Documentos relacionados



Compartir: