TRÁFICO

As rúas República do Salvador e Xeneral Pardiñas serán peatonais o sábado 10 e o domingo 11

07/12/2011 Esta fin de semana dúas rúas centrais do Ensanche estarán libres de coches; deste xeito, os composteláns poderán pasear por República do Salvador e Xeneral Pardiñas sen preocuparse dos vehículos. O concelleiro de Tráfico, Albino Vázaquez, deu detalles da medida, que busca humanizar a zona nova e dinamizar o seu comercio, en rolda de prensa.

Desde as 12.00 horas deste sábado 10 de decembro e ata as 20.00 h do domingo 11 os peóns poderán transitar libremente por República do Salvador (desde Doutor Teixeiro ata a praza Roxa) e Xeneral Pardiñas sen ter que preocuparse dos vehículos. Polo tanto, a partir das 12 o aparcamento quedará prohibido e só os residentes poderán acceder a estas dúas rúas cos seus coches. O horario obedece á necesidade de deixar un tempo prudente pola mañá para a carga e descarga.

Esta peatonalización conta co apoio dos comerciantes da zona e adóptase para esta fin de semana pola menor densidade circulatoria por mor da ponte e porque en caso de que funcione satisfactoriamente habería tempo para poder repetila durante a campaña de Nadal.

A Comisión de Mobilidade do Concello estudou varias posibilidades antes de tomar unha decisión sobre que rúas peatonalizar. Finalmente optou por estas dúas tendo en conta que son viais con grande densidade comercial e que se vían afectadas polo denominado "tráfico parásito": aquel que só emprega estas rúas de paso pero que non as ten como destino final. Por este motivo o concelleiro considera que a medida non debera "transtornar substancialmente aos cidadáns porque son rúas prescindibles para a mobilidade" nin afectar ao transporte urbano. O propio Plan de Mobilidade que manexa o Concello optaba pola súa peatonalización. Iso si, o edil fai un chamamento á poboación para que "eviten circular por Puente Castro" esta fin de semana para que o tráfico que se desvía non conflúa todo nese punto. A medida estará debidamente sinalizada en varias zonas da cidade.

Albino Vázquez fixo fincapé en que se trata "dunha actuación experimental" que terá continuidade se se desenvolve con éxito.

Compartir: