CULTURA

Cineuropa consolídase como referencia da vangarda do cinema europeo e incrementa o seu público

05/12/2011 A XXV edición de Cineuropa foi todo un éxito e bateu todos os seus récords, consolidándose como unha referencia entre os máis prestixiosos festivais de cine. Pero sobre todo, segundo destacou hoxe en rolda de prensa o responsable de Cultura do Concello de Santiago, Ángel Currás, Cineuropa contou co apoio incondicional do seu público que acadou os 33.710 espectadores, o que supón un incremento do 6% con respecto á edición anterior.

Un dato aínda máis salientable tendo en conta o contexto actual de crise e o feito de contar este ano cunha sala de proxección menos. Neste sentido, o concelleiro de Cultura, aposta por seguir medrando e acadar os 40.000 espectadores na próxima convocatoria de Cineuropa porque "cremos que o festival non tocou teito e aspiramos a manternos como unha referencia en España". Para isto, considera necesario a actualización e adaptación ás novas tecnoloxías e "buscar novos espazos" e mencionou o seu interese en que a Sala Yago pase a formar parte das salas de proxección do certame, que manifestou "é clave para o desenvolvemento de actividades educativas e culturais" e na que, dixo, "temos grandes esperanzas".

Ángel Currás valorou a programación desta edición "que recolleu o máis destacado da produción europea de vangarda, que constitúe a columna vertebral do festival", así como o feito de que este ano se ofreceran dous concertos –no caso do Premio Cineuropa, Jorge Drexler, obrigando a trasladar a cerimonia ao Auditorio de Galicia, ante a gran demanda de público- que confirman a idea de que "a música e un excelente complemento do cine, polo que haberá que seguir apostando por ela".

O concelleiro de Cultura, fixo tamén un repaso ás "interesantes retrospectivas" exhibidas este 2011, desde a de Shion Sono á da Escola de Berlín ou a dos 25 anos de Cineuropa; destacou o aumento de actividades dirixidas aos nenos, desde os obradoiros de cine ás actividades ofrecidas na Caixiña dos mistos; e sinalou o impacto mediático de Cineuropa neste aniversario, con conexións en directo nos informativos tanto galegos como estatais e as reseñas en programas culturais e especializados que considera significan que "Cineuropa ven proxectándose ao longo destes anos e ten creado xa o seu propio espazo de referencia en España".

Pola súa banda, o director de Cineuropa, José Luís Losa, agradeceu o "firme respaldo do Concello de Santiago e, especialmente da Concellería de Cultura, a Cineuropa" así como ao público para o que dixo "é difícil encontrar palabras para agradecer a súa complicidade" e enagdiu que "é moi importante traer a case 40.000 espectadores a un festival de cine de autor". Losa admitiu que este ano "a programación tiña un punto máis de risco e ofrecía un cinema que en apariencia era máis difícil, pero que foi moi ben acollido polo público". Referiuse así ao traballo de realizadores como Bela Tarr, Sokurov ou Bruno Dumont que asegurou "son difíciles porque, a miúdo, a xente marcha do cine ou non entra a velos" e, bromeou, no caso de Bela Tarr "habería que mandarlle unha fotografía co Principal cheo para que frotara os ollos".

Tamén de "complexo" cualificou o traballo de Shion Sono que "cando nuns anos estea gañando todo en festivais, poderemos decir que en Santiago de Compostela ofrecemos a primeira retrospectiva de España. En medio o que cualifiou de "películas caramelo" como a gañadora do Premio Cineuropa do Público "The Artist" de Michel Hazanavicius ou "Take this waltz", e tamén "Route Irish" e "Le Havre" que agotaron sempre con antelación as súas localidades.

Canto á película premiada polo Público de Cineuropa, "The Artist" ofrecida no certame en primicia para Galicia, Losa asegurou que os afeccionados do certame teñen un olfato "premonitorio"e soen coincidir cos académicos polo que se amosou seguro de que "oiremos aínda falar moito desta película este ano". En definitiva, o director de Cineuropa, atribúe o "crecemento exponencial" desta edición de Cineuropa á sintonía entre Festival e público, ao sedimento que o Festival foi creando ao longo destes anos e a "un público crítico e informado". Neste sentido, Losa destacou a "interactividade" que se deu este ano co público que "permanecía na sala e festexaba con ovacións, durante os créditos, as películas, unha liturxia propia dos festivais".

José Luis Losa valorou tamén os Premios Cineuropa 2011, a Aitana Sánchez-Gijón e Jorge Drexler, que considerou á altura dunha celebración, como os 25 anos, importante. No caso da primeira destacou o seu "cariño e afecto" polo Festival compostelán tal e como se recolleu nos medios de comunicación, mentres no caso de Drexler salientou que "había tempo que non asistía a un concerto con tanta empatía entre o público e o músico" e coincidiu con Ángel Currás na "boa parella" que conforman o cinema e a música. Por último, agradeceu a profesionalidade do equipo técnico de Cineuropa que, manifestou, garantiu a perfecta proxección de todos cantos filmes estaban programados.

O palmarés definitivo de Cineuropa está actualizado e a disposición dos afeccionados na sección "A opinión do Público" da páxina web de Cineuropa.

Documentos relacionados



Compartir: