XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica a iluminación de Nadal para 36 rúas e prazas da cidade

05/12/2011 A Xunta de Goberno Local adxudicou por 60.000 euros a iluminación de nadal así como o desenvolvemento de Nadalxogo 2011 e o programa de actividades de dinamización comercial pensando tamén para estas datas.

As luces de Nadal adornarán desde o 17 de decembro un total de 36 rúas e prazas da cidade. Na Cidade Histórica serán: Algalia de Arriba, Acibechería, Preguntoiro, Calderería, Orfas, Rúa Nova, Rúa do Vilar, Rúa do Franco, Raíña, Fonseca, Xelmírez, San Francisco, Cantón do Toural, Bautizados, Porta Faxeira, Praza de Feixoo, Cardenal Payá, Casas Reais, Rúa de San Pedro, Rúa Travesa, Pescadería Vella e Praza de Cervantes. No Ensanche iluminaranse Xoán Carlos I, Senra, Xeneral Pardiñas, república Arxentina, Alfredo Brañas, Montero Ríos, Fonte de San Antonio e Virxe da Cerca, Hórreo, República Salvador, Frei Rosendo Salvado, Santiago del Estero, San Pedro de Mezonzo, Praza de Vigo e Doutor Teixeiro.

Non foi esta a única medida da Xunta de Goberno Local encamiñada a animar o Nadal deste ano: adxudicouse o programa municipal de conciliación Nadalxogo por importe de 35.931 euros e o programa de actividades de dinamización comercial en rúa Nadal 2011 cunha cantidade de 19.116 €. Tamén se aprobou un convenio coa Praza de Abastos por 6.000 euros para o desenvolvemente das súas actividades navideñas e por último, déuselle o visto bo á ampliación de horario nunha hora para os negocios de hostelería os días 23, 24, 25, 30, 31 de decembro e 1,5 e 6 de xaneiro.

Tráfico
No apartado de tráfico e mobilidade, aprobouse outorgar unha nova licenza de taxi accesible, que se incoroporará ao parque móbil santiagués a partir do 10 de xaneiro, e solicitouse ao Institudo para a Diversificación e Aforro de Enerxía unha axuda para a substitución de ópticas de semáforos e tecnoloxía LED co fin de obter un aforro enerxético.

Subvencións
Deuse conta á Xunta de Goberno Local da resolución da Deputación da Coruña pola que se aproba o segundo pago correspondente ao 30% do convenio asinado entre ambas entidades por un importe de 94.227,98 euros, subvención que se destina a INCOLSA. Tamén se aceptaron dúas subvencións da Consellería de Traballo relativas á contratación de traballadoras desempregadas (95.428,80 €) e á posta en marcha do programa integral Emprego-Santiago (129.515 euros). Así mesmo, aprobouse o reparto da subvención concedida pola Deputación da Coruña destinada a actividades educativas e culturais e infraestruturas e equipamento cultural. O importe distribúese da seguinte forma: para infraestruturas e equipamento cultural: 24.997,28 euros e para actividades educativas e culturais: 35.797,57 €. Cultura destinará os cartos a actividades de Nadal e Educación á Escola Municipal de Música.

Convenios
Nesta sesión déuselle o visto bo á celebración de varios convenios: con Telefónica para o impulso da innovación e as novas tecnoloxías, co Club Arteal Tenis de Mesa (11.050 euros), co Club Baloncesto Pío XII (15.470 euros), o xa mencionado coa praza de Abastos (6.000 euros), con Cáritas (17.000 euros), e co Consorcio para o financiamento do portelo único de información sobre as Áreas de Rehabilitación Integral sito na Oficina de Rehabilitación e Cidade Histórica.

Rexistro auxiliar en Urbanismo
Como xa anunciara a concelleira de Urbanismo, aprobouse a creación dun rexistro auxiliar no departamento de Urbanismo co obxectivo de axilizar trámites e expedientes. Só resta a publicación no BOP e a dotación do material necesario para a súa posta en marcha.

Compartir: