COMERCIO

O Museo do Pobo Galego acolleu a conferencia final do ciclo de talleres para o comercio de San Pedro

02/12/2011 A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, presentou no Museo do Pobo Galego a conferencia final do ciclo de talleres específico e gratuíto para o sector comercial do barrio de San Pedro, deseñado dentro do programa Urbana Santiago Norte co obxecto de dinamizar esta arteria comercial da cidade a través de accións prácticas e participativas, pensadas para un comercio de proximidade.

Na conferencia final participaron tres representantes do sector comercial e empresarial da cidade. Na temática "A adaptación ao cambio: experiencias" estiveron o director xeral de Espagat Complejo Salud, Francisco Martínez Carregal e o Xerente de Iluminación Pérez Antolín, José Luis Pérez Fernández.

A continuación pechou a conferencia Juan Carlos Vez Vázquez, socio director xeral de IDEAINNOVA, director xeral de BLU:SENS e profesor da Escola de negocios Novacaixagalicia e da Universidade de A Coruña, coa ponencia" Queres mellorar as vendas da túa tenda? Prepárate cara o próximo Nadal reforzando con consellos prácticos o teu negocio e incentivando as vendas."

O ciclo constou de nove talleres prácticos, un seminario sobre coaching comercial e unha conferencia final, que se desenvolveron entre a segunda quincena de outubro e novembro. As actividades tiveron lugar no Centro Sociocultural de A Trisca, no local da Asociación veciñal de A Xuntanza e no salón de actos do Museo do Pobo Galego.
O programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), ten coma unha das súas liñas de actuación a recuperación de eixos comerciais, concretamente do corredor de Concheiros e arredores, arteria comercial, xunto coa Rúa de San Pedro, do barrio de San Pedro.

Compartir: