CENTROS SOCIOCULTURAIS

O centro sociocultural das Fontiñas acolle unha exposición que retrata as múltiples cara da cidade de Nova Iorque

02/12/2011 O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, será o encargado de inaugurar a mostra "NYC maNY faCes, maNY plaCes", de Niti Laíño, que poderá verse no centro das Fontiñas do 2 ao 27 de decembro.

Tralo seu paso por Fontiñas esta exposición de 35 fotografías sobre a cidade neoiorquina viaxará ata os centros socioculturais do Ensanche, onde estará do 10 ao 30 de xaneiro, e de Vite, do 1 ao 20 de febreiro.

En palabras da comisaria, Nuria Moreiras, "non é a ollada do turista abraiado nin a do pensador crítico que visita o símbolo da orde occidental; é a ollada do home que ven deter un encontro amoroso - cunha cidade - e fainos confidentes da súa alegría e da súa paixón. Sen fachenda e sen prexuízos recrea unha realidade que xa estaba rexistrada na súa memoria sentimental, por iso non rexeita os lugares icónicos da cidade e moito menos os rostros dos que a habitan; pretendendo sempre retratalos de preto (os espazos e as facianas), non nos fala dunha cidade mítica, senón dunha amada á que ten coñecido na intimidade, iluminando indulxentemente os seus defectos e celebrando entusiasmado a súa beleza despampanante. Semella sen máis, se se nos permite a licenza juanramoniana, que esteamos ante o ‘diario dun fotógrafo recén casado’".

Compartir: