DEPORTES

Comeza a funcionar a pista de xeo da Quintana

02/12/2011 O concelleiro de Deportes e Xuventude, Adrián Varela, deu o pistoletazo de saída a unha das actividades máis esperadas do Nadal en Compostela: a pista de xeo, que estará na Quintana ata finais de xaneiro.

A pista de xeo natural ten unhas dimensións de 10 x 30 metros e está protexida cunha cuberta realizada con aluminio e PVC transparente. O Concello inviste 8.000 euros nesta instalación.

De luns a xoves, a pista de xeo destina un horario de 10:00 a 14:00 horas á presenza de escolares. Pola tarde, abre de 17:00 a 21:00 horas. Os venres, sábados e domingos, a instalación está dispoñible de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas. Ademais, tanto os venres como os sábados o horario nocturno estenderase dende as 23:00 ás 2:00 horas.

A entrada para os escolares nese tramo matinal de 10:00 a 14:00 horas ten un custo de 3,50 euros. Para o resto de horarios e público en xeral a entrada custa 6,50 euros a hora, ou 8,50 euros sen límite de tempo. En todos os casos os patíns están incluídos no prezo. No caso de que os usuarios empreguen os seus propios patíns terán unha rebaixa no prezo.

Segundo sinalou o edil de Deportes e Xuventude, trátase con esta actividade de dinamizar o Nadal así como de promover a práctica do exercicio físico saudable entre a poboación. Pola súa banda, o xerente da empresa encargada do proxecto, Miguel Cedeira, agradeceu a colaboración do Concello e auguroulle un grande éxito a esta pista que contén 20 metros cúbicos de auga.

A pista bota a andar tras un espectáculo visual de inauguración con coreografías, luz e son e un chocolate con churros para entrar en calor.

Documentos relacionados



Compartir: