CONSORCIO DA CIDADE

Santiago acollerá en Semana Santa un Festival de Músicas Contemplativas

10/04/2006 O Consorcio de Santiago de Compostela organiza o Festival de Músicas Contemplativas, orientado a abrir un proceso estable de Acción Cultural no Patrimonio e iniciar así unha oferta musical inexistente ata agora na cidade. Preténdese que o novo festival musical actúe como complemento cultural do programa de Semana Santa, ampliando a oferta aos múltiples visitantes foráneos e habitantes da cidade.

No futuro o Festival de Músicas Contemplativas estará aberto a acoller as manifestacións musicais de distintas culturas, tradicións e relixións. O programa deseñado para este ano traerá a Santiago, entre o 11 e o 15 de abril, a destacados intérpretes occidentais expertos en música tradicional.

Este programa inclúe un total de cinco concertos totalmente gratuítos que se desenvolverán noutras tantas igrexas da cidade, co obxectivo de ofrecerlles aos asistentes a posibilidade de disfrutar de música e arquitectura nun mesmo acto.

Cada concerto está dedicado a un estilo determinado de música. Así, farase un percorrido pola tradición musical máis relevante e interpretaranse pezas medievais, música xudeoespañola, cantigas medievais, música barroca e obras da relixión cristiana. En cada acto os asistentes terán a oportunidade de disfrutar dunha completa recreación dos sons da antigüedade interpretados cos instrumentos propios daquela época, ao tempo que admiran a singularidade arquitectónica de cada espazo.

Desde o martes 11 ata o sábado 15 de abril serán escenarios dos concertos as igrexas das Ánimas, San Roque, San Fiz de Solovio, Mercedarias e Orfas. Nestes lugares actuarán o organista Bernat Bailbé e os grupos Alia Mvsica, Micrologus, Sequentia e Forma Antiqva, respectivamente.

O Festival de Músicas Contemplativas xorde como unha iniciativa estreitamente vencellada á Semana Santa, unha época de meditación que se vive con especial significación en Santiago de Compostela. A partir desta idea nace un festival vencellado ás igrexas, pero no que os distintos estilos musicais, relacionados con diferentes relixións e tradicións, van ser os grandes protagonistas.

Historia, cultura, música e patrimonio daranse a man durante a Semana Santa en Compostela e converteranse nun novo reclamo para visitantes e habitantes da cidade. O Consorcio de Santiago traballará na promoción desta nova iniciativa co obxectivo de asentala ano a ano como unha nova oferta cultural e turística durante a Semana Santa.

O organista Bernat Bailbé abre o programa
O martes 11 de abril iniciarase en Santiago o Festival de Músicas Contemplativas coa actuación do organista de orixe francés Bernat Bailbé. A Igrexa das Ánimas será o escenario deste concerto no que se interpretarán pezas desde a época medieval ata a actualidade relacionadas coa tradición relixiosa cristiá. O programa deste concerto está deseñado para ilustrar dous aspectos da Semana Santa: a morte e a resurrección. A tradición española carece de pezas deste tipo específicas para o órgano, así que a meirande parte das obras que se interpretarán proceden de Alemaña e Inglaterra.

Bernat Bailbé iniciou estudos de órgano nos conservatorios de Perpignan e Tolousse. En numerosas ocasións actuou como concertista e solista en Francia e España. En 1978 foi nomeado organista de San Felipe de Neri en Barcelona, cargo que exerce na actualidade, e no que ofrece un repertorio sempre renovado que supera os 600 compositores, desde a Idade Media ata os nosos días. Bailbé é ademais membro fundador da L´Associació Catalana de l´Orgue.

A Igrexa de San Roque acollerá o mércores 12 de abril o concerto do grupo Alia Mvsica, que centrará o seu programa no canto xudeoespañol. Os poemas relixiosos durante a Idade de Ouro do xudaísmo español (séculos X-XII) cantábanse coas melodías doutros poemas hebreos. Esta tradición estará recollida no concerto, no que se interpretarán diferentes creacións dos poetas hispanoxudeos Yehudá Haleví e Salomón aben Gabirol, entre outros.

Alia Mvsica nace en España en 1985 para interpretar música da Idade Media e para o estudo e interpretación da música xudeoespañola, baseándose nas súas propias análises e máis nas achegas da musicoloxía máis recente sobre estes repertorios. Alia Mvsica ofreceu concertos nos máis importantes ciclos e festivais en España, Francia, Bélxica, Italia, Holanda, Turquía, Estados Unidos e Ecuador, entre outros países. O grupo editou xa varios CD´s que mereceron o eloxio da crítica e recibiron diversos galardóns.

O xoves día 13 a Igrexa de San Fiz de Solovio será o escenario do concerto do conxunto italiano Micrologus, que interpretará un repertorio baseado nas Cantigas de Santa María, compostas no século XIII polo rei Afonso X O Sabio. Arpas, trombas e campás, entre outros instrumentos típicos da Idade Media servirán para recrear estas cantigas, un dos máis valiosos tesouros da música europea de todos os tempos. Este conxunto musical emprega reconstrucións fieis dos instrumentos da época e, ademais, nas súas interpretacións toman elementos teatrais, tales como traxes e escenografías.

Os componentes do grupo Micrologus foron dos primeiros en contribuír ó redescubrimento da música medieval en Italia, seguindo novos camiños interpretativos que fixeron que esta música sexa cada vez máis recoñecida e estimada, tanto en Italia como no resto de Europa. A súa traxectoria musical comeza no ano 1984 e desde entón gravaron 15 CD´s, realizaron xiras por cidades de todo o mundo e recibiron numerosos premios e recoñecementos do seu traballo, entre os que destacan ‘The best of 2000 Award’ e ‘Goldberg´s 5 stars’, da Revista Goldberg.

O conxunto Sequentia chegará o día 14 de abril á Igrexa das Mercedarias cun repertorio baseado en pezas medievais para o que se empregarán arpas, flautas e zanfoñas. Desde a introducción do cristianismo en Europa ata final do primeiro milenio estiveron moi estendidas as imaxes apocalípticas da Fin dos Días e do Xuízo Final, tanto nos documentos escritos como nas artes visuais. Neste concerto explorarase o mundo musical referido a estas cuestións, a través de composicións procedentes, na meirande parte de Alemaña.

En 1977 Benjamin Bagby e Barbara Thornton crean Sequentia, na actualidade un dos grupos máis respetados e innovadores do mundo no campo da música medieval. Durante case trinta anos Sequentia realizou xiras internacionais, elaborou músicas para cinema e televisión e gravou unha ampla discografía que abarca a totalidade da Idade Media. Ademais, traballou na formación de novas xeracións de xóvenes intérpretes a través de cursos profesionais. Logo do pasamento de Barbara Thornon entrou a formar parte do grupo Norbert Rodenkirchen.

Co concerto do grupo Forma Antiqva, previsto na Igrexa das Orfas para o sábado 15 de abril, pecharase o Festival de Músicas Contemplativas. No acto interpretarase un conxunto de pezas de música italiana barroca, para o que se empregarán o violoncello barroco, guitarras barrocas, tiorbas e claves.

Forma Antiqva é un ensamble de música barroca integrado por xóvenes intérpretes formados en prestixiosos conservatorios europeos, como a Escola Superior de Música deCatalunya, o Real Conservatorio de La Haya ou a Guildhall School of Music de Londres. Todos os membros teñen unha dilatada experiencia de concertos en diversos ensambles e orquestras barrocas. O pasado mes de decembro o grupo realizou a súa primeira xira internacional, cun notable éxito, e veñen de gravar recentemente o seu primeiro disco.

Compartir: