PLENO

Aposta unánime da Corporación polo derrubo da Casa da Xuventude

24/11/2011 O derrubo da actual Casa da Xuventude é unha "decisión tomada", segundo asegurou o alcalde, Xerardo Conde Roa, na súa intervención no Pleno a propósito dunha proposición neste sentido presentada polo grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego e que foi aprobada por unanimidade polos tres grupos.

A proposición declara que o Pleno da Corporación "comparte a proposta xurdida ao abeiro do congreso "Compostela 2021, A Cidade Intuída" para conectar o parque de Belvís coa Porta do Camiño mediante o derrubo do edificio que alberga a Casa da Xuventude. Ademais, comprometíase a que "o Concello de Santiago, dentro das xestións que está a realizar coa Xunta presentará un calendario de actuacións coa programación prevista para a execución desta obra".

A segunda parte da proposta indica que o Concello "colaborará coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado na busca doutra localización para que se poidan continuar a prestar os servizos que na actualidade se ofertan no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, destinados aos mozos e mozas de Santiago e da súa comarca".

A este respecto, o alcalde explicou que xa foi encargado o proxecto de demolición, que cualificou de "caro". O outro asunto pendente –indicou- é a reubicación dos servizos prestados na actual Casa da Xuventude. Neste sentido, apuntou que se están estudando dúas propostas no sur da cidade, preto do campus universitario.

Cidade da Cultura
O Pleno tamén aprobou cos votos favorables de PP e PSdeG-PSOE e a abstención do BNG outra proposición, neste caso presentada polo grupo municipal socialista, que solicita á Xunta de Galicia que "a paralización temporal das obras non supoña a paralización definitiva do proxecto cultural e que se incida no desenvolvemento dos contidos e programas que deben albergar os novos edificios, garantindo así mesmo con datas de reinicio e remate, a súa viabilidade a partires de 2014, e que se acometan e completen as obras e infraestruturas preparatorias para o desenvolvemento definitivo do proxecto, nomeadamente, a conexión coa AP-9 e a conexión coa cidade".

Mocións
Xa no capítulo de mocións, aprobouse cos votos a favor de populares e socialistas e a abstención dos nacionalistas, unha para "erixir un monumento ás vítimas do terrorismo na praza Rodrigo de Padrón".

Ademais, a proposta do PP, acordouse por unanimidade solicitar a RENFE Operadora a implantación dos seguintes servizos:
- Relación de ida e volta en servizo diúrno cun servizo ferroviario tren tipo ALVIA, conectando A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Ponferrada, León, Burgos, Vitoria, Pamplona, Zaragoza, Lleida, Tarragona e Barcelona.
- Relación directa nocturna de ida e volta con material ferroviario tipo Talgo Trenhotel que conecte Santiago coas capitais da Rioxa, Aragón e Cataluña.

SUP-5
Outro dos asuntos aprobados por unanimidade foi a modificación puntual do plan parcial de ordenación do SUP-5 no ámbito de dotación EU-7 (Choupana). A única modificación respecto á aprobación inicial foi a incorporación do anexo xustificativo do cumprimento das condicións de accesibilidade.

Compartir: