EDUCACIÓN E MOCIDADE

Inaugúrase a exposición de Andrea Costas

14/03/2006 O mércores 15 de marzo terá lugar a inauguración da exposición de Andrea Costas Lago, á que asistirá o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, xunto á concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, e que recolle o proxecto fotográfico gañador da 3ª Bolsa de Creación Fotográfica convocada polo Departamento de Educación e Mocidade do Concello de Santiago e o Centro de Estudos Fotográficos.

O obxectivo desta Bolsa de Creación Fotográfica é ofrecer a posibilidade de elaborar e realizar un proxecto fotográfico propio, no que poden participar os mozos e mozas nados ou residentes en Galicia menores de trinta anos.

A bolsa ten unha dotación de 3.000 euros e os candidatos presentan unha memoria detallada cunha extensión máxima de 5 folios onde se especifican os obxectivos teóricos e a metodoloxía do traballo a desenvolver, así como un resume do proxecto.

Apuntes sobre a exposición
A velocidade na produción fainos individuos consumidores de satisfaccións instantáneas; os mediadores véndennos intimidade allea, comunicación, realidade... Nese medio perdemos contacto con aquelo que anhelamos verdadeiramente, mentres modelan as nosas preferencias e se cadra a nosa identidade.

A vida non é sempre espectacular malia a promesa implícita na súa venda como espectáculo. A frustración logo da expectativa non cumprida resulta rendíbel para os que xeran e satisfán necesidades con soños. E así o espectador, enganchado e confuso, poucas veces se detén para cuestionarse se tal vez a felicidade non estará noutro lado, se non podería ser unha creación persoal, unha elección que, como este proxecto, requira o esforzo de rexeitar miles de posibilidades sen dubidar dun mesmo.

A cámara foi o medio co que nove voluntarios trataron de descifrar e almacenar os intres cotiáns que nos constitúen intimamente. Cadaquén os seus. Crearon a súa propia representación, tratando situacións anódinas como se fosen esenciais. E fixérono ao seu xeito, con máis ou menos axuda, chegando até onde querian amosar e motivados, algúns, por obriga familiar, outros por facer algo diferente ou por curiosidade... todos respondendo a unha petición tan estraña como sincera.

O que vedes é unha escusa: o produto concentrado dunha destilación subxectiva e implacábel, os restos dun experimento longo e pesado, pero tamén enriquecedor e emocionante. A mediación pouco inocente, empaquetada e consumíbel que queda dunha experiencia de comunicación que, por si mesma, sempre foi o verdadeiro proxecto.

Apuntes da autora
Ao falar de fotografía documental ou de reportaxe social, normalmente atopámonos con que, o que se rexistra sempre é o extraordinario e estraño, o outro, mentres que o consumidor adopta unha posición de vouyeur, posuidor de vidas alleas. Por outra banda, a fotografía cotiá non profesional está intimamente vinculada á familia e a esas ocasións rituais e felices onde se fortalecen os lazos do grupo (vacacións, vodas, nacementos, aniversarios...), e ademais sofre dun estereotipamento xeneralizado. Segue uns canons aprendidos dos que é difícil afastarse.

A miña proposta consiste en reunir un grupo de xente o mais dispar posíbel (tratando de interesar a cada un segundo as súas necesidades e expectativas) para ter a oportunidade de facer unha reportaxe das vivencias convencionais, para crear unha memoria menos estipulada, para tentar de "desallear", por medio da creación, uns consumidores masivos e inconscientes da "cultura visual" que estamos a vivir.

Asemade, penso que os resultados desta experiencia reflectirán o cambio de concepción da realidade que, actualmente, as novas tecnoloxías están a xerar na sociedade. Refírome a que os novos medios permiten un achegamento mais sinxelo ao proceso de creación, manipulación e distribución das imaxes, polo que as vellas estructuras se están a resentir.

A nosa realidade está cada vez máis mediatizada; cada vez vivimos máis "a través de" e "grazas a" algunha mediación (as imaxes, a televisión, internet, a prensa, etc.). Incluso se fala da nosa época como a do "capitalismo de ficción" . Neste contexto é no que, desde o campo da arte (aínda que tamén se reflicte nos demais medios e áreas de comunicación), se observa unha necesidade de achegamento ao "real", co paradoxo de que o intento (sobre todo o mediático) de aproximarnos á realidade aínda xera un afastamento maior dela, ou desde logo xera unha manipulación que transmite discursos e estilos de vida e pensamento. As formas en que a "realidade" nos é "achegada" nunca é inocente ou desinteresada.

Por outra banda, este é un mundo de satisfaccións instantáneas, consumismo desmedido e impaciencia, un mundo individualista e carente de afectos. O importante son os resultados con éxito, o destino, non o camiño-proceso. Pola contra, esta proposta vén facer fincapé xusto nas posibilidades contrarias: a asociación como recurso creativo e enriquecedor, o proceso como parte fundamental da experiencia artística, a experimentación como vía de descubrimento, etc.

Consciente de que esta proposta se achega a diversos puntos desde unha postura "arriscada", opino que esa é precisamente unha das facetas máis interesantes. Cuestionaremos a importancia do artista-autor, propoñendo o simple feito de elixir como o principal acto o da creación. Dubidaremos dos usos da fotografía socialmente aceptados, e incluso da natureza "realista" da fotografía en si mesma, pondo de manifesto todo o esforzo necesario para que o propio proceso sexa tan significativo e esclarecedor coma o resultado gráfico.

Neste caso, considero fundamental que o proceso sexa transparente. Penso que no mundo das imaxes (fotografía e vídeo) non deixar constancia das manipulacións da realidade (xa sexan técnicas, ou formais, ou psicolóxicas, etc.), pretendendo ser a presentación "verdadeira" desta, é unha estratexia perigosa. É preferíbel que o discurso estético nos avise dos "trucos", que manteña a conciencia esperta mostrándonos que calquera imaxe é una mediación. Nese non cuestionar o seu "realismo" agóchanse máis perigos, pois a información chéganos como se fose obxectiva.

Un autor que teorizou sobre o achegamento ao real é Hal Foster. No seu libro El retorno de lo real. La vanguardia a finales del siglo (1996; Akal, 2001), presenta no capítulo "El artista como etnógrafo" unha liña de traballo representativa da arte contemporánea (os anos noventa). Nel, Foster argumenta que un dos procedementos artísticos distintivos do presente atópase preto dos métodos da antropoloxía ou a etnografía en tanto que ten por obxectivo desentrañar as estruturas que articulan a cultura do artista. Así, os artistas non presupoñen certas ordes sociais, estéticas e políticas desde onde constrúen o seu traballo, senón que eses mesmos presupostos se converten en obxecto de reflexión. Nesta actitude, a arte non é un mero signo que se refire ao mundo, senón que pretende desmontalo, para evidenciar que é unha velada construción represora doutras realidades, tanto históricas como de xénero ou culturais. O artista busca neses intersticios atopando inconsistencias, cuestionando e provocando. Así, algunhas prácticas artísticas (nos noventa) desenvólvense fóra do estudo, da galería e do museo.

Como exemplo desta tendencia poderiamos considerar a XI Documenta de Kassel (2002), comisariada por Okwui Enwezor, na que un considerábel número de obras eran practicamente unha mera "presentación" de realidades cotiás de todo tipo de culturas e ambientes, pero sen demasiada manipulación artística. En palabras de Ángela Molina, referíndose a esta documenta O que está considerado o evento máis importante do mundo da arte é un claro paradigma do que acontece hoxe na creación contemporánea: a obra de arte como documento.

Máis concretamente, o proxecto consistiu na creación dun grupo de nove "fotógrafos", que se dedicou, durante un tempo medio de dous meses, a documentar intensamente a súa vida cotiá (unha media de 1.000 imaxes cada un). Trátase, pois, de deixar falar por si mesmo a quen normalmente é obxecto dun discurso que o manipula; facer coincidir o obxecto e o suxeito de representación na mesma persoa, indagar no noso presente a partir dun conxunto de instantes fragmentados. Todos eles dan a cara polo seu traballo. É unha obra de grupo. Formamos un conxunto heteroxéneo, para mostrar outros tantos xeitos de vida así como as nosas diferentes maneiras de relacionármonos co feito fotográfico na nosa vida cotiá.

Compartir: