CULTURA

Cineuropa, referente do Novo Cinema Galego

24/11/2011 Cineuropa converte ao Teatro Principal no referente do Novo Cinema Galego ao estrear as últimas producións de Alberte Pagán, A pedra do lobo e de Xurxo Chirro, Vikingland, que vén de ser seleccionada e recoller excelentes críticas nos festivais de Marsella, Mar del Plata e Xixón. Tanto Pagán como Xurxo Chirro presentarán ao público, o venres 25 pola tarde, as súas obras e manterán un debate posterior ás proxeccións.

A pedra do lobo é o filme co que se completa a Integral que este ano Cineuropa dedica a Alberte Pagán, no Teatro Principal as 17:45 horas. E a continuación, ás 19:45 horas, terá lugar a estrea en Galicia de Vikingland, o último traballo do guardés Xurxo Chirro.

Vikingland é un documento sobre a emigración galega no norte de Europa e figura na programación de Cineuropa na sección de Docs. Non en vano foi seleccionada para un dos certames máis prestixiosos do cine documental, o FID de Marsella. En Vikingland, Xurxo Chirro presenta a uns mariñeiros galegos que traballan nun ferry entre a cidade danesa de Romo e a illa alemá de Sylt. Un deles merca un día unha videocámara e comeza a gravar a súa vida cotiá e a dos seus compañeiros durante unha morea de duras travesías entre outubro de 1993 e marzo de 1994.

Por outra banda, Cineuropa pecha a Integral adicada a Alberte Pagán cun encontro co público tras a proxección da súa última cinta, A pedra do lobo. Un documental experimental no que o realizador reflicte a crueldade da natureza e da vida.

O compromiso de Cineuropa co Novo Cinema galego terá aínda unha cita relevante o mércores 30, cando Sonia Méndez e Lois Patiño presenten as súas obras máis recentes no CGAC.

Compartir: