EDUCACIÓN

En marcha a CiberCaixa de Roxos, programa educativo e lúdico de conciliación

24/11/2011 Bota a andar de novo a CiberCaixa, instalada no CEIP Roxos Villestro grazas ao convenio de colaboración asinado pola Concellería de Educación coa Fundación La Caixa. Esta iniciativa satisfará as necesidades educativas e lúdicas de escolares de entre 3 e 12 anos, facilitando ademais a conciliación da vida familiar e laboral.

O concelleiro de Educación, Ángel Currás, e o responsable de institucións de La Caixa, Santiago Pícallo, inauguraron as actividades desta Cibercaixa, que funcionará en horario non lectivo, de luns a venres, de 16:00 a 19:00 horas. En períodos vacacionais o horario é de 9:30 a 14:30 horas.

A CiberCaixa conta con tres espazos integrados: un espazo de informática, equipado con ordenadores; un espazo de lectura e audiovisuais, con libros, xornais e equipos audiovisuais; e un espazo infantil, con recursos específicos para os máis pequenos.

Nestas instalacións, os escolares teñen acceso a diversos recursos pedagóxicos, como os KitsCaixa. Son un conxunto de materiais destinados a proporcionar recursos lúdicos e educativos aos nenos e nenas, co fin de axudarlles a recoñecer as súas propias emocións e adquirir e fixar unha serie de valores que lles axudarán a mellorar a súa relación co contorno, favorecendo a confianza en si mesmos. Aquí hai actividades relacionadas coas letras, os detectives, a maxia, a música ou as fadas.

Os rapaces tamén dispoñen dun espazo adaptado para o fomento do hábito
lector, onde poden atopar un gran número de libros dirixidos a todas as
idades. Neste espazo pódense desenvolver actividades tanto individuais, mediante a lectura, como grupais, a partir da escoita de contos e historias.

No eido audiovisual, existen películas e material de diversas temáticas. E para os que se queiran adentrar na informática, os espazos de CiberCaixa están equipados con seis PC, un portátil, impresora, escáner, proxector de pantalla e outros complementos como webcams, auriculares ou micrófonos. Na instalación tamén hai un lugar para os xogos de mesa.

Para participar, as familias deben cubrir unha ficha de pre-inscrición e autorización que se facilita no Centro escolar CEIP Roxos Villestro, na Concellería de Educación e nesta páxina web.

Máis información na Concellería de Educación:
Tel.: 981 55 44 00
Fax: 981 57 15 11
E-mail: dptoeducacion@santiagodecompostela.gal

Compartir: