MOBILIDADE

Concello e Cámara de Comercio pechan o Ciclo de Xornadas Aeroportuarias

23/11/2011 O ciclo sobre os novos retos do aeroporto de Lavacolla, que promoveron a Cámara de Comercio e o Concello de Santiago tras a apertura da nova terminal, finaliza o xoves 24 coa conferencia do experto do Comité de Rutas de Barcelona Salvador Curcoll. Falará ás 20:00 horas, no salón de actos cameral, sobre o potencial do aeroporto de Lavacolla e a súa repercusión na conectividade aérea de Galicia.

Salvador Curcoll afirma que o aeroporto de Lavacolla debe dar o salto a unha xestión como unha empresa capaz de producir efectos moi importantes sobre o seu entorno, en contraposición a unha actividade orientada por un criterio de mera infraestrutura de transporte. E engade que, sobre a base dunha infraestrutura funcional e de capacidade suficiente, o reto é definir un modelo de desenvolvemento eficaz: "Esta tarefa non só corresponde ao xestor aeroportuario, senón tamén ás Administracións e organizacións económicas".

Europa completou o seu modelo de liberalización do transporte aéreo a mediados dos noventa, momento no que se incrementou considerablemente a competencia entre aerolíneas, pero tamén os aeroportos foron tomando unha orientación máis activa, ofrecendo cada vez máis servizos aos pasaxeiros e incrementando as súas fontes de ingresos.

Neste contexto, Curcoll sostén que "o lóxico é promover unha colaboración institucional, guiada polos grandes obxectivos estratéxicos de Galicia, para conseguir unha cooperación competitiva entre os tres aeroportos. É dicir, un marco de especialización en que cada un, a través dunha xestión individualizada, poida sacar o máximo proveito dos seus puntos fortes". Tras a posta en marcha da nova terminal, que supón un incremento da superficie de estacionamento dos avións, con máis facilidades para a facturación e embarque de pasaxeiros, Lavacolla debe aspirar, en palabras de Curcoll, a ser "o gran aeroporto para os servizos de medio e longo radio".

"O aeroporto de Santiago merece unha atención especial"

Salvador Curcoll subliña que á centralidade e operatividade do aeroporto hai que engadirlle o feito de que serve a unha cidade que "xa é foco de atracción internacional e que debe aspirar e mellorar esta posición", así que aposta por atraer turismo de calidade de procedencias distantes por motivos relixiosos e culturais. O experto indica que o que marca a diferencia é o conxunto da infraestrutura máis as posibilidades e os atractivos da rexión á que serve: "Por este motivo ninguén na sociedade e economía galegas debe sentirse alleo ao reto de desenvolver os tráficos aéreos. E o aeroporto de Santiago merece, sen dúbida, unha atención especial".

Curcoll explica que, dos tres aeródromos galegos, Lavacolla é no que poden operar os avións máis grandes, os que son aptos para os voos de longa distancia, e durante as 24 horas do día. "Polo tanto –conclúe– debe orientarse progresivamente aos voos de medio e longo alcance, aínda que sen descoidar os enlaces con outros aeroportos importantes do mercado doméstico". Engade que, dende o punto de vista comercial, en Santiago a diferencia de actividade entre inverno e verán non é moi acusada, "algo que para as aerolíneas é moi importante".

Compartir: