CENTROS SOCIOCULTURAIS E FAMILIA

Lecer e conciliación familiar durante as tardes do Nadal nos centros socioculturais e no pavillón do Restollal

23/11/2011 Vive o Nadal é o título do amplo programa que a Concellería de Centros Socioculturais ten preparado para as tardes destas datas especiais. Son máis de 200 actividades, entre as que figura un campamento aberto para facilitar a conciliación laboral e familiar, con 100 prazas dispoñibles. E tamén con este fin, a Concellería de Familia leva ao pavillón do Restollal, tamén pola tarde, outro grupo de actividades.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou o programa Vive o Nadal, que se desenvolverá nos meses de novembro e decembro e nos primeiros días de xaneiro na rede de centros e locais socioculturais. Esta iniciativa achegará a un público familiar unha oferta de actividades de lecer diversa, que porá en valor a convivencia, o encontro, as relacións humanas e a celebración comunitaria das festas de Nadal.

Tal como explicou, estas actividades, complementan a programación anual dos centros socioculturais e as actividades de conciliación programadas polas mañás no marco de Nadalxogo. O custo destas e do programa de conciliación é de 30.000 euros.

Un grupo de actividades son abertas e de balde. Os participantes unicamente se deberán presentar no lugar onde se desenvolve cada evento. Están previstas proxeccións cinematográficas, espectáculos musicais (Mamacabra, Pesdelán), visita dos paxes reais, puntos informativos sobre comercio xusto ou obradoiros de ornamentación, construción e montaxe de Beléns.

Outras actividades serán tamén de balde, pero teñen un número limitado de prazas (20 por obradoiro), polo que requirirán unha inscrición previa. É o caso de: o agasallo viaxeiro, cociña de Nadal, elaboración de candeas, xabóns, centros con flores secas, coroas de Nadal, abelorios...

Campamentos abertos
O programa inclúe un servizo de conciliación para as familias, denominado Campamentos abertos. Realizarase durante dez días -22, 23, 26, 27, 28, 29,3 0 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro- en horario de 16:00 a 21:00 horas (se ben os pais poderán deixar os rapaces entre as 15:00 e as 22:00 horas) en cinco centros socioculturais: Vite, Fontiñas, Ensanche, Castiñeiriño e Conxo. Haberá actividades plásticas, expresión artística, obradoiros e animación a lectura. Segundo anunciou Francisco Noya, a intención municipal é levar estes programas de conciliación tamén ao rural en vindeiros anos.

En cada un dos CSC desenvolverase un programa diferente e son 100 as prazas dispoñibles en total, 20 para cada centro. O prazo de preinscrición estará aberto do 28 de novembro ao 5 de decembro. O prezo do programa completo é de 30 euros, mentres que os días soltos custarán 5 euros. As follas de autorización e preinscrición poden recollerse nos devanditos centros socioculturais.

Actividades para a conciliación no Restollal
Pola súa parte, a concelleira de Familia e Benestar Social, Paula Prado, presentou outro programa de conciliación con actividades lúdicas e deportivas, neste caso realizado en colaboración coa Concellería de Deportes. Desenvolverase no pavillón do Restollal en horario de 16:30 a 20:30 horas e será tamén de balde.

Uns 200 rapaces de entre 3 e 12 anos poderán disfrutar cada día de actividades de educación viaria, maxia, teatro, manualidades, conta contos, inchables, etc. Organizaranse grupos tres grupos de idades: de 3 a 12, de 6 a 8 e de 9 a 12 anos.

En palabras de Paula Prado, "con este programa, co dos centros socioculturais e con Nadalxogo cóbrense as necesidades de conciliación das familias compostelás". Entre as dúas concellerías achéganse 29.000 euros para financiar esta iniciativa. E queda aínda o resto de actividades que a comisión de festas está a preparar e que se presentarán en breve.

Compartir: