FACENDA

Un plan estratéxico fixará as prioridades de investimento para os vindeiros catro anos

21/11/2011 A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, anunciou que o Goberno municipal elaborará un Plan Estratéxico de Investimentos, que fixará as prioridades na execución de investimentos nos vindeiros catro anos. En canto aos orzamentos de 2012, agarda poidan entrar en vigor o 1 de xaneiro e indicou que o seu importe final estará entre os 85 e os 90 millóns de euros.

O Departamento de Facenda, en coordinación co alcalde e cos concelleiros encargados da execución de investimentos, fixarán un Plan Estratéxico nesta materia non só para 2012, senón para os vindeiros catro anos. Indicou que nestas vindeiras semanas estará listo este programa de prioridades.

No que se refire ao orzamento do vindeiro exercicio, Cecilia Sierra apuntou que xa existe un borrador de ingresos e gastos e que estará aprobado antes do 31 de decembro. Será a Concellería de Facenda a que faga unha proposta aos diferentes departamentos e entón os concelleiros "establecerán os seus matices no ámbito das directrices marcadas", explicou.

O importe de gastos final, entre 85 e 90 millóns de euros, supón "unha baixada significativa, pero que non afectará a todas as partidas por igual", indicou. Así, entre as partidas nas que se poderá actuar para reducilas figuran as do capítulo 2, de gasto corrente. Tamén destacou que no capítulo de transferencias se producirá un aumento das cantidades destinadas a entidades sociais, introducindo ademais "cambios no sistema de subvencións nominativas".

Ordenanzas
Sobre as ordenanzas fiscais, anunciou que "non haberá cambios significativos", xa que a maioría van a quedar conxeladas, atendendo á actual situación económica e nin sequera serán actualizadas segundo o IPC. Unicamente se incrementará a taxa da auga, que subirá en torno aos 5 euros ao ano. O obxectivo desta medida é dar cobertura á incorporación de novos servizos de depuración e saneamento nas parroquias de Aríns, Lavacolla, Nemenzo, A Sionlla e Enfesta. Queda pendente a taxa pola hora e grúa, xa que se agardará á resolución do concurso aberto para a adxudicación deste servizo.

A edil de Facenda tamén explicou un pequeno cambio "formal" nas exencións polos servizos básicos outorgada a familias con dificultades económicas. O cambio consiste en tomar como referencia o IPREM en troques do salario mínimo, unificando o criterio empregado noutras exencións. Tamén se introduciu unha modificación no devengo, que pasa a ser semestral en vez de anual.

Auditoría das contas municipais
Finalmente, Cecilia Sierra anunciou que foron cinco as empresas que se presentaron ao concurso a realización da auditoría das contas municipais: Deloitte, PricewaterhouseCoopers, UTE Audicon-SACE, BDO Auditores e ATD Auditores Sector Público. Destacou que son todas "empresas de prestixio e de ampla experiencia no ámbito das auditorías.

Documentos relacionados



Compartir: