MEDIO RURAL

En marcha a segunda fase da limpeza das pistas do rural compostelán

17/11/2011 O concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, anunciou que xa está en marcha a segunda fase da limpeza das pistas do rural do municipio, tras a primeira fase realizada con carácter de urxencia a finais do mes de agosto. O Departamento tamén está acometendo nestes intres o acondicionamento do lavadoiro e da fonte do lugar de Vilar de Outeiro, en Verdía.

Oito equipos de traballo están acometendo ao tempo o plan de limpeza, contando en todos os casos cun operario ou tractorista e con outra persoa de apoio cunha desbrozadora manual para o debroce polo miúdo. Estes equipos realizan tamén tarefas de limpeza de residuos e de revisión das cunetas, por se estas precisaran labores de desatascado.

A distribución dos oito equipos é a seguinte: equipo 1 en Santa Cristina de fecha, San Xoán de Fecha, Grixoa, A Peregrina e A Gracia; equipo 2 en Busto, Nemenzo e Verdía; equipo 3 en Barciela, Marantes e Cesar; equipo 4 en Carballal e Enfesta; equipo 5 en Marrocos, O Eixo e Aríns; equipo 6 en Figueiras, Villestro e Laraño; e equipo 7 en Sabugueira-Lavacolla e Bando. Un oitavo equipo serve de apoio e actúa segundo as necesidades que se van detectando.

Luis Bello indicou que o orzamento para esta fase ascende aos 57.000 euros, co obxectivo de "rematar as actuacións comezadas de maneira urxente en agosto e realizar aquelas que quedaran pendentes". Estima que estes traballos estarán rematados no prazo dun mes. Xa para o exercicio 2012 –apuntou- contarase cun orzamento específico que permitirá definir o cadro de actuacións durante o ano.

Lavadoiro en Verdía
Por outra parte, estase a acometer o primeiro dos tres proxectos dun programa de cooperación entre o Concello e a Consellería de Traballo. Afectan ao lavadoiro, á fonte e aos terreos lindeiros en Vilar de Outeiro, na parroquia de Verdía.

Unha brigada de oito persoas, dependentes da Concellería de Medio Rural, está a realizar tarefas de restauración das zonas deterioradas, colocación de soleiras de pedra, canalización de augas e acondicionamento das superficies, incluíndo a preparación do chan e a plantación de herbáceas, arbustivas e arborado. O custo do proxecto é de 10.833 euros.

O concelleiro destacou que os veciños recibiron cumprida información dos traballos. Neste sentido, mesmo se produciu unha implicación directa dos mesmos, que se puxeron de acordo para restaurar o muíño anexo da súa propiedade.

Esta brigada de oito persoa será a encargada de realizar os outros dous proxectos incluídos neste programa. Un deles afectará ao campo da festa de Figueiras. Para o terceiro, a Concellería solicitará un cambio de proxecto co fin de destinar os fondos a outra obra, probablemente tamén de restauración dalgún lavadoiro, segundo indicou.

POS 2012
Ademais, Bello anunciou que os técnicos municipais están traballando na elaboración dos proxectos que o Concello presentará para o Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña (POS 2012). Considera que os vieiros en peor estado que cómpre arranxar están en Aríns, Barciela, Marrozos, Verdía, Lavacolla, A Gracia e O Eixo. Tamén se contempla unha obra complementaria en Enfesta.

A Concellería tamén continúa a revisar as pista para a localización e posteriores traballos de reparación da calzada, e a avanzar na elaboración dos Plan de Desenvolvemento Rural (PDR).

Documentos relacionados



Compartir: