MEDIO RURAL

Presentación dun estudo sobre o mel

15/11/2011 O conselleiro de Medio Rural, Luis García Bello, asistiu xunto co conselleiro de Medio Rural, Samuel Juarez, ao acto de presentación das conclusións do estudo Posta en valor do mel: etiquetado nutricional.

O obxectivo deste estudo é poñer de manifesto (a través da etiquetaxe nutricional) a calidade e as especiais características do Mel de Galicia. Con este etiquetado facilitaráselle ao consumidor o contido en vitaminas, azucres e antioxidantes do produto. Así, destácase o valor enerxético deste produto e as súas propiedades terapéuticas polo seu contido en minerais, vitaminas e proteínas, incluso en maior cantidade que meles doutras comunidades autónomas españolas.

En función da procedencia botánica do mel existen algunhas diferenzas a nivel nutricional. Os meles de queiruga, castiñeiro e silva son os que maior contido presentan en minerais coma o potasio, o magnesio ou o calcio. Pola súa parte, o mel de castiñeiro presenta un maior contido en vitamina C.

Neste estudo avaliouse tamén a composición en substancias de recoñecida actividade biolóxica, coma o contido en fenois totais e flavonoides, o índice de oxidación e a actividade antioxidante do mel.

A zona de produción, elaboración e envasado dos meles amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia abrangue toda a Comunidade Autónoma. O Consello Regulador ten acollidas na actualidade 31.513 colmeas, pertencentes a 338 apicultores. No ano 2010 comercializáronse máis de 363 toneladas de produto coa contraetiqueta identificativa "Mel de Galicia". O de Galicia é o Consello Regulador de España con máis inscritos, máis colmeas e máis mel certificado.

Compartir: