BENESTAR SOCIAL

Conclúen os obradoiros de acollida para inmigrantes "INTÉGRA-T"

10/11/2011 O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte – Servizos Sociais desenvolveu do 8 ao10 de novembro os obradoiros INTÉGRA-T. Procuraron dar resposta ao sentimento de falta de información do colectivo inmigrante da Zona Urbana Santiago Norte que chegou a cidade de Santiago en datas recentes, fomentando a súa integración social e paliando o sentimento de desarraigo destas persoas.

Os obxectivos principais destes obradoiros foron os de achegar aos/ás participantes a información necesaria sobre os recursos do seu interese, reforzar as habilidades sociais para o manexo de situacións cotiás nos contextos específicos tratados no obradoiro e potenciar o desenvolvemento da súa personalidade e da súa autonomía na comunidade onde residen, favorecendo o pluralismo e aumentando as oportunidades vitais.

O primeiro día do obradoiro centrouse na temática de vivenda. No segundo día abordáronse as cuestións de educación e sanidade, centrándose a derradeira xornada nun obradoiro en emprego e ocio e tempo libre. Quince persoas participaron nestas xornadas, que valoraron de forma moi satisfactoria.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: