ALCALDÍA

Concello e Xunta xestionarán ante o Ministerio de Medio Ambiente un cambio de ubicación para a depuradora da Silvouta

09/11/2011 O Concello de Santiago e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, solicitarán ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, un cambio de ubicación da futura depuradora da Silvouta. Así o acordaron nunha reunión celebrada en Raxoi o alcalde, Xerardo Conde Roa, e o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández.

O alcalde agradeceu a sensibilidade da Consellería coas demandas do Concello e a súa "colaboración exemplar" neste tema, así como a receptividade inicial do Ministerio para estudar este cambio de situación da depuradora, co que se responde tamén ás reivindicacións dos veciños de Laraño. En breves datas, Concello, Xunta e Ministerio reuniranse para intentar avanzar na tramitación da instalación.

Agustín Hernández explicou que a nova ubicación proposta deberá avaliarse no marco do estudo de impacto ambiental, que non considerou alternativas máis afastadas das vivendas que existen dentro do termo municipal de Santiago de Compostela. Este coincidiu con Conde Roa en que un cambio de posición a un lugar máis illado das zonas habitadas provocará menos molestias, non só na execución da obra, senón tamén no seu funcionamento futuro.

A nova situación proposta está "a menos dun quilómetro augas abaixo, na marxe dereita do río", explicou o dirixente autonómico. Esta é a ubicación que, segundo este, ten o "máximo consenso" e o "mínimo impacto ambiental", polo que é "a mellor solución de todas as posibles".

En prazo
Ao mesmo tempo, o conselleiro destacou que a Xunta e o Concello buscan con estas xestións gañar tempo ante posibles retrasos. Deste modo, poderase contar coa documentación preparada canto antes, co fin de licitar o concurso para a execución da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) en prazo e non perder os fondos comunitarios que esta actuación hidráulica tería consignados. "Aínda que hai que realizar unha nova declaración de impacto ambiental, é posible ter todo feito para iniciar a obra en 2013 e tela rematado en 2015, dentro dos prazos dos fondos comunitarios", indicou Hernández. Estimou o prazo de tramitación "en torno a un ano", considerándoo un "retraso asumible". Así o ratificou o alcalde, recordando que esta é unha infraestrutura que "debería estar construída en 2006".

Na nova alternativa traballarase ademais co obxectivo de mellorar a seguridade da planta e minimizar a superficie, coas mellores técnicas dispoñibles para depuración de augas residuais, valorando a posibilidade de facer un tratamento con membranas ou biofiltros que permitan tratar as augas residuais equivalentes producidas por 264.000 habitantes. Deste modo, abordaranse todas as cuestións que foron recorridas xudicialmente polos afectados e gañarase consenso e seguridade xurídica para unha execución das obras cos menores atrancos posibles.

Compartir: