ALCALDÍA

Unha comisión avanzará na unión de esforzos entre Santiago e Ames

07/11/2011 O alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, e o de Ames, Santiago Amor, mantiveron unha reunión en Raxoi. Na mesma acordaron a creación dunha comisión, composta por dous concelleiros de cada Corporación, que comezará de inmediato a traballar para mancomunar esforzos entre ambos municipios.

Conde Roa avanzou que os dous primeiros temas sobre os que se traballará será a mellora dos accesos peonís de Ames a Santiago e o transporte público entre os dous concellos. Sobre a primeira das cuestións, afirmou a necesidade de actuar para facilitar a conexión dos peóns entre o Milladoiro e Santiago, que actualmente non resulta posible. Respecto ao transporte público, indicou que se realizará un estudo para "saber cantas persoas de Ames se desprazan cada día a Santiago e así determinar a dispoñibilidade de transporte público necesario para atender esta demanda".

Outros temas sobre os que traballarán ambas corporacións serán as melloras en materia de tráfico, os estacionamentos de borde ou os coidados do río Sar. Trátase, segundo o alcalde, de avanzar na idea de "mancomunar esforzos", o que redundará nun "abaratamento de custes" que repercutirá así mesmo en "menores impostos " e nunha "mellor conectividade". Nese propósito incidiu tamén Santiago Amor, resaltando o "achegamento e o diálogo fluído" producido neste campo. O rexedor compostelán tampouco descartou para o futuro, en función da situación dos contratos actuais, colaboracións en servizos como a recollida do lixo ou o abastecemento de auga.

Parque de bombeiros
Unha das cuestións sobre a mesa foi o do parque comarcal de bombeiros. Conde Roa estimouno necesario e apuntou que "o problema non é de ubicación, senón de dar servizo e de optimizar os recursos". Nese sentido, considerou agora prioritario sentarse coas outras dúas administracións implicadas, Xunta e Deputación da Coruña, para coñecer a dispoñibilidade orzamentaria.

Preguntado polo futuro das instalacións paralizadas en Salgueiriños, o alcalde afirmou que "intentaremos que se remate; se pode ser como parque comarcal ben, e se non pode ser, como municipal". Neste punto, o rexedor amiense recordou que a súa Corporación aprobara a cesión dunha parcela como alternativa para o parque comarcal ante a paralización do proxecto inicial de Salgueiriños.

Estación do AVE
A requirimento dos xornalistas ante o próximo concurso sobre o proxecto da estación do AVE, Conde Roa reiterou que "non aceptaremos un plan urbanístico que implique construír un centro comercial ou vivendas na área da estación". Así, insistiu, "o primeiro que ten que facer ADIF é o planeamento urbanístico".

Compartir: