EDUCACIÓN

O Concello colabora co Bacharelato Internacional do IES Rosalía de Castro

07/11/2011 O Concello de Santiago financia con 7.760 euros parte do custo das taxas do Bacharelato Internacional do IES Rosalía de Castro. Esta ensinanza vénse impartindo dende 1989 e dela benefícianse 50 alumnos cada curso en Compostela.

En palabras do concelleiro de Educación, Ángel Currás, este Bacharelato Internacional ofrece unha "formación óptima" aos alumnos. Destacou a importancia dunha aposta como esta para unha cidade educadora como Santiago de Compostela e comprometeuse a seguir mantendo o apoio municipal a esta iniciativa.

Á formación desta variante de estudo referiuse a directora do Bacharelato Internacional do IES Rosalía de Castro, Ana Quintáns, prestando especial atención á aprendizaxe do inglés e doutros idiomas. Ademais, definiu o perfil do alumno deste curso como o dunha persoa que "non ten medo a arriscarse", cunha "mente internacional" e cun carácter solidario, xa que debe ter unha parte de "creatividade, acción e servizo".

O Bacharelato Internacional forma parte da oferta educativa dun centro como o IES Rosalía de Castro que sobresae polo seu carácter "dinamizador", tanto no eido educativo como cultural, segundo expresou Ángel Currás. Así o referendou tamén o director do instituto, Ubaldo Rueda, recordando os seus programas tanto na liña científica como na lingüística e literaria.

Unha modalidade de prestixio
Este programa creouse pola Organización do Bacharelato Internacional (OBI), que é unha fundación educativa privada non gobernamental creada no ano 1968 por un grupo de educadores internacionais motivados por un ideal: a esperanza de que unha experiencia académica compartida fixera fincapé no pensamento crítico e que no contacto cunha variedade de punto de vista fomentara nos mozos e mozas a tolerancia e o entendemento intercultural. O seu proxecto ten a determinación de construír unha comunidade mundial de alumnos/as preparados para afrontar os desafíos do mundo actual. É unha organización sen ánimo de lucro, recoñecida polo Consello de Europa. Ten a súa sede en Suiza e ofrece o Programa do Diploma para os estudantes dos dous últimos anos de educación secundaria. Conta co auspicio da Unesco e de importantes fundacións internacionais, ademais involucra aproximadamente a 1.000 colexios e institucións de máis de 100 países.

En España hai 45 centros que ofrecen esta modalidade, nalgunha das súas tres modalidades. De todos eles, 20 son centros públicos. O IES Rosalía de Castro incorporou este tipo de ensino no ano 1989. Cada ano teñen unha media de 50 alumnos/as matriculados neste tipo de Bacharelato, que elixen o BI non só polo seu rigor académico, senón tamén porque se axusta ás necesidades educativas.

O seu currículo prepara para a obtención do Diploma e para a obtención do Bacharelato nunha condicións moi completas, que permite aos seus graduados cumprir cos requisitos de varios sistemas europeos de educación. O modelo do seu programa de estudos non se basea no de ningún país concreto, aínda que integra os mellores elementos de moitos deles.

Compartir: