EMPREGO

A I Feira Internacional de Emprego clausúrase con grande éxito de participación

04/11/2011 Tras dúas intensas xornadas de actividade, a I Feira Internacional de Emprego pechou hoxe as súas portas cun importante número de participantes e visitantes. Arredor de 2500 persoas acudiron nestes dous días en horario ininterrompido ao Multiusos Fontes do Sar, recinto onde se celebraron os procesos de selección concertados e onde se desenvolveu o programa de conferencias e obradoiros gratuítos relacionados co sector laboral. O alcalde, Xerardo Conde Roa, foi o encargado de clausurar o evento.

Na clausura o rexedor sinalou que "Santiago de Compostela, ademais de ser unha cidade de pedras con historia, é tamén, ou ten que ser tamén, unha cidade de persoas con futuro, unha cidade que se preocupe tamén polo seu capital humano". E a ese obxectivo respondeu, segundo salientou Conde Roa, esta iniciativa posta en marcha desde o Concello, coa colaboración das entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego, así como doutras institucións e entidades.

Conde Roa lembrou que, aínda que as competencias directas dun concello en orde á creación de emprego son limitadas, si se poden tomar algunhas iniciativas ao respecto"e asegúrovos que faremos todo, todo, o que estea nas nosas mans". Dende a celebración de máis feiras de emprego ata favorecer o asentamento de empresas en Santiago. "É o meu propósito que a Administración Pública deixe de ser ese ente que se dirixe aos empresarios para sinalarlles restricións e obstáculos e sexa, definitivamente, un ente que mostre camiños e ofreza oportunidades; é o meu propósito ofrecer todas as facilidades que se precisen para que calquera iniciativa empresarial se instale en Santiago".

A este respecto o alcalde lembrou a noticia que transcendeu aos medios de comunicación sobre a probabilidade de que Bricomart se instale en Santiago o que suporía a xeración de 120 postos de traballo o próximo ano. "A confirmación dese proxecto, na que estamos a traballar, sería unha das miñas maiores satisfaccións como alcalde", salientou. Conde Roa rematou a súa intervención subliñando que está "convencido de que lograremos abrir os horizontes do noso mercado de traballo e de que, antes que tarde, haberá saída. Este é o meu sincero desexo e este será, na medida das miñas competencias, o meu máis decidido empeño".

I Feira Internacional de Emprego
A Feira Internacional de Emprego presentou como novidade a realización de entrevistas e procesos de selección in situ, unha característica que a diferencia claramente doutros eventos semellantes. Grazas á labor desenvolvida polo Servizo de Intermediación Laboral do Concello de Santiago, que xestionou un importante volume de currículos recibidos a través da páxina web www.feiradoempregosantiago.org, a FIE permitiu a celebración de máis de 500 entrevistas a outros tantos candidatos que optarán aos postos de traballo que se ofertaban.

Durante estes dous días, ademais, case corenta das cincuentas entidades participantes, tanto do ámbito local, como autonómico, nacional e internacional, contaron cun stand expositivo propio, no que ofreceron información sobre os seus servizos e mantiveron un contacto directo cos asistentes, dos que tamén recolleron currículos que serán tidos en conta nos procesos de selección que teñen abertos ou naqueles que prevén ter a curto e medio prazo.

Visitantes e empresas participantes
Para moitos dos participantes nas numerosas entrevistas de traballo, a experiencia resultou moi positiva. "Para min foi unha primeira toma de contacto, iniciativas como esta sempre axudan, e máis nestes tempos", explicou unha candidata. Segundo outro dos entrevistados, "A miña entrevista foi totalmente acorde coa miña formación laboral e as expectativas que traía, así que marcho realmente satisfeito". "A min serviume sobre todo para informarme da actividade dunha empresa que traballa no meu sector e que ata agora non coñecía. Só por iso paréceme que valeu a pena vir ata aquí".

Con respecto á organización e a presenza da maior parte das empresas participantes, o público que asistiu esta mañá á Feira Internacional de Emprego deixou valoracións de diversa índole. Para unha das visitantes, "foi unha mágoa que só dure dous días, porque quedoume pena de non poder asistir a máis obradoiros e conferencias; as que asistín parecéronme bastante útiles". Outro dos participantes declarou que quedou "moi satisfeito co trato recibido nos stands, o persoal das empresas coas que falei pareceume moi amable e déronme información que talvez me sexa útil nun futuro".

No tocante ás impresións que esta Feira suscitou nas empresas participantes, Susana Vázquez, representante de Diconsa na FIE, recalcou que "grazas a esta iniciativa poidemos contactar con candidatos moi intersantes cuxos currículos incorporaremos á nosa base de datos para futuras vacantes".

Wifredo Meléndrez, director de GES Consultores, explicou que a FIE "supón unha iniciativa que permite un acercamento entre empresas e demandantes de emprego. Eventos como este provocan a interrelación e o intercambio de información. No noso caso, en dous días recollemos máis de 450 currículos, dos que máis de 100 pertencen a expertos en administración de empresas, banca e finanzas, outros tantos a persoal dos sectores naval, forestal, industria e rama sanitaria, e temos arredor doutros 100 de profesionais da docencia, licenciados en Dereito, Humanidades e Psicoloxía. A experiencia pareceunos verdadeiramente positiva. Para próximas iniciativas, penso que talvez habería que afondar en temas de orientación laboral porque a xente está bastante despistada. Habería que transmitir a existencia de novas canles de información e de que hai novas alternativas para a busca de emprego".

Acto de clausura
A FIE, que pechou as súas portas ás 14 horas, celebrou o seu acto de clausura ás 13.30. No acto, que estivo amenizado polo Mago Xacobe, estiveron presentes o alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, Jesús Asorey Carril, Presidente da Camara de Comercio, Andres Hermida, Director Xeral de Promoción do Emprego da Xunta, e a concelleira titular de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado del Río, que declarou que "o noso goberno está totalmente implicado no desenvolvemento socioeconómico da cidade, e por medio deste tipo de eventos procuraremos contribuír a que o drama do paro diminúa entre os composteláns".

Documentos relacionados



Compartir: