EMPREGO

Abre as súas portas a I Feira Internacional de Emprego

02/11/2011 A primeira edición da Feira Internacional de Emprego de Santiago de Compostela, organizada pola Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego de Santiago de Compostela, en colaboración coas entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego (PALE), abre mañá, xoves 3 de novembro, as súas portas a participantes, empresas e público xeral.

A partir das 10 da mañá do xoves 3 de novembro, e ata as 2 da tarde do venres 4, desenvolveranse os procesos de selección dos máis de 2400 inscritos que aspiran a obter algún dos máis de 500 postos de traballo presentados polas 50 entidades participantes.

O acto de inauguración oficial terá lugar ás 10.45 horas de mañá. Nel estarán presentes o Alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, a Concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado del Río, e a directora xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia, Ana María Díaz López.

Carácter internacional
Tanto pola orixe dalgunhas das entidades participantes como por unha alta porcentaxe dos postos laborais que conforman a oferta de emprego total, a Feira Internacional de Emprego confirma a súa proxección internacional. Así, tomarán parte no evento firmas como Bricomart, pertencente ao Groupe Adeo, segundo grupo europeo e cuarto mundial en distribución especializada de produtos de bricolaxe e construción, con presenza en Francia, Italia, España e Polonia, ou Teleperformance, multinacional líder en xestión co cliente, experta a nivel mundial en Contact Centers, coa maior presenza a nivel internacional do sector e case 300 centros repartidos en máis de 50 países.

No tocante aos postos de traballo presentados durante a Feira, é importante subliñar que boa parte dos 506 que conforman a oferta total teñen como destino un país europeo. Firmas como Ges Consultores, empresa de recursos humanos especializada en consultoría e asistencia técnica, que seleccionará persoal para traballar como Controller financeiro fóra das nosas fronteiras, ou Adelantta, dedicada á formación, consultoría de RRHH e mellora da xestión comercial, que presenta unha oferta de traballo de numerosos postos de carácter indefinido para traballar en Alemaña como desenroladores de Java.

FIE Xornadas
Ademais de visitar os stands das diversas entidades que participan na Feira, o público asistente ao Multiusos do Sar durante o xoves 3 e o venres 4 de novembro, poderá tomar parte nas xornadas tituladas ‘Os novos mercados de traballo e as estratexias innovadoras para a busca de emprego’, que inclúen un variado programa de obradoiros e conferencias impartidas por especialistas en diversos ámbitos relacionados coas habilidades requiridas para unha busca de emprego efectiva e frutífera. Os interesados en asistir a algunha das actividades das xornadas, de entrada gratuíta, deberán inscribirse a través da páxina web da feira www.feiradoempregosantiago.org ata completar aforamento.

Compartir: