TURISMO

Un grupo de xornalistas chinos visita Santiago de Compostela

28/10/2011 A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, e a xerente de Incolsa, Maruxa Ledo, recibiron a un grupo de xornalistas chinos que están visitando a cidade dentro dun presstrip ou viaxe de xornalistas no que participa a empresa municipal de promoción turística co obxecto de dar a coñecer a nosa cidade no mercado chino, un dos mercados do mundo cun maior potencial de crecemento turístico nos próximos anos.

Na súa visita a Santiago, de dous días de duración, os xornalistas chinos puideron coñecer os elementos máis significativos da nosa cidade dende un punto de vista turístico: a Catedral, onde puideron ver a misa do peregrino e o botafumeiro, as cubertas da Catedral, o Mercado de Abastos, o conxunto do Casco Histórico, a Cidade da Cultura. Tamén puideron coñecer a gastronomía galega en diferentes restaurantes de Santiago e descubrir que se sinte ao aloxarse no Hostal dos Reis Católicos, que colabora na acción.

No presstrip, organizado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade coa colaboración de Incolsa no tocante á visita a Santiago, participan once xornalistas. Ademáis das diferentes informacións que publiquen nos seus respectivos medios, tanto escritos coma dixitais, a editorial Sanlian, unha das editoras máis importantes do país, publicará un libro sobre o Camiño de Santiago e España.

O mercado chino, pese a súa distancia, é un mercado cun gran potencial para o sector turístico español, especialmente para os destinos culturais e gastronómicos, coma é o caso de Santiago. O número de chinos que cada ano saen das súas fronteiras para coñecer outros países está vivindo un crecemento moi importante. No ano 2010, segundo as estatísticas ofiaciais da administración china, saíron do país 57,39 millóns de viaxeiros, un 20% máis que o ano anterior.

Compartir: