ALCALDÍA

O goberno manifesta a súa absoluta tranquilidade a respecto da Finca do Espiño e resalta os beneficios que reportará á cidade

26/10/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, quixo aclarar en rolda de prensa algunhas cuestións relativas ao proxecto de recuperación da Finca do Espiño e sinalou a importancia de desbloquear un asunto que levaba dez anos paralizado.

A respecto do novo proxecto, o rexedor fixo fincapé en que "estamos en presenza dun proxecto urbanístico moi importante para a cidade que vai inxectar 24 millóns de euros nun sector moi afectado pola crise, o que suporá un respiro para moitas empresas compostelás vinculadas á construción". Asimesmo lembrou que non se produce un incremento de volume, que se manteñen as mesmas cargas, que se vai respectar a integración urbanística na zona e que só se cambia o uso, de residencial comunitario a residencial.

Conde Roa fixo un repaso histórico da situación e lembrou que en 2001 se cambiou a clasificación do ámbito de solo non urbanizable a urbanizable nunha época de bonanza económica e boom construtivo. En canto ao convenio orixinal, datado o 26 de setembro de 2001, o alcalde salientou que se recollía unha edificabilidade da Finca de 8.200 metros cadrados que pasaron a 10.500 trala modificación do Plan Xeral realizada para adaptar este ao devandito convenio, cuestións ambas, indicou, "que deberán ser aclaradas polo goberno anterior".

A respecto do uso, Conde Roa, sinalou que en Santiago hai 13 solos residenciais comunitarios funcionando como apartamentos privados (en Pontepedriña, Pastoriza, Santa Marta, Cornes, San Lázaro e na rúa Sempre en Galiza) xa que desde 2005, sinalou, se concederon licenzas para a construción de vivendas particulares amparadas na ordenanza de residencial comunitario, práctica que se levou a cabo ata 2008, momento no que se produce unha modificación no PXOM na que se cambia o concepto de residencial comunitario. É por isto "que a sentenza que existe sobre este tema se adapta á nova lexislación vixente á hora de interpretar o uso do solo". Asimesmo indicou que a empresa Layetana presentou un anteproxecto en 2002 do que era coñecedor o anterior goberno no que xa se contemplaban apartamentos.

Compartir: