XUVENTUDE

Xuventude programa cinco cursos para os últimos meses do ano enfocados aos mozos e mozas composteláns

25/10/2011 O edil de Xuventude, Adrián Varela, presentou en rolda de prensa o programa coas actividades que o seu departamento ten preparadas para realizar no últime trimestre do ano. En total son cinco cursos de temática diversa que se realizarán no centro sociocultural do Ensanche e nalgúns institutos da cidade. Todas as actividades son de balde e o prazo para inscribirse é do 25 de outubro ao 7 de novembro.

Unha das primeiras solicitudes das asociacións xuvenís e dos colectivos de estudantes dos centros de ensino da cidade tiñan que ver coa atención a temáticas que lles axuden na súa formación e nunha mellor ocupación do seu tempo libre. Con tal motivo a Concellería ofrece un primeiro paquete de cursos que queren dar resposta a estas demandas. Convén salientar que os Institutos da cidade van contar cunha oportunidade para que determinadas actividades formativas, que sempre necesitan de persoal especializado e que no día a día dos IES e das propias organizacións de xóvenes de Compostela non é doado realizar, podan ser levadas a cabo.

O Centro sociocultural do Ensanche acollerá tres cursos: de curtametraxes, de fotografía de viaxes e de expresión da voz. O primeiro deles, impartido por Mr Misto Films, consiste na iniciación ao mundo da curtametraxe na que os participantes, logo dunhas nocións básicas sobre a elabora¬ción xeral cinematográfica e a gravación en vídeo, desenvolven as diferentes fases das que consta a preparación e dirección dunha curta.

O obradoiro de fotografía de viaxes 6MFotos busca transmitir a novos os trucos e técnicas básicas para unhas boas fotografías de viaxe. O curso utiliza a viaxe 6MPasos como referencia para tratar todos os aspectos que se involucran nunha viaxe, dende a súa preparación ata o uso e arquivo das fotos unha vez rematada a experiencia. O curso de expresión da voz contará como mestre co músico Xoan Curiel, que traballará cos participantes as técnicas de expresión vocal e a educación da voz.

O IES de Sar será o escenario para a celebración do curso de iniciación á pintura a través das Meninas. Impartido polo artista Xoti de Luis e tomando como modelo único "Las Meninas" de Velázquez daranse a coñecer as diversas técnicas de debuxo e pintura. Trátase de interpretar e versionar. Deconstruír a obra e adaptala a técnicas extrapictóricas contemporáneas: arpillera, materiais de reciclaxe, técnicas de patchwork, aplicacións serigráficas, etc. Por último, o curso de modelado e pintura, que terá lugar nun instituto aínda por definir, establece como obxectivos desenvolver as capacidades de observación, percepción e retentiva, analizar e sintetizar a figura humana, profundizar nos espacios compositivos, de análise do espacio e da luz. Aprender as diferentes técnicas de modelado e escultura e coñcecer os diferentes materiais que se poden empregar á hora de crear unha obra.

Para participar nestas actividades formativas é necesaria unha inscrición previa a realizar no:

Departamento de Xuventude
Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche
Frei Rosendo Salvado, 14-16
Tel.: 981 543 001 Fax: 981 543 002
dptoxuventude@santiagodecompostela.gal

Compartir: