BRIGADA VÍAS E OBRAS

O Concello inviste máis de 300.000 euros na mellora integral do Campus Vida

24/10/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, visitou, xunto co concelleiro delegado da Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente, os traballos que o Concello está a levar a cabo na práctica totalidade das rúas correspondentes ao ámbito do Campus Vida. En total, investiranse 330.000 euros en adaptar as beirarrúas e demais espazos á excelencia do campus universitario.

Conde Roa salientou durante a visita o compromiso municipal con esta área da cidade e co mundo universitario, xa que se trata dunha das primeiras obras postas en marcha polo actual goberno. Tanto o alcalde como o concelleiro quixeron facer fincapé en que con estas melloras a zona sur da universidade recobrará a imaxe que corresponde a un campus de excelencia. O rexedor compostelán aproveitou a ocasión para felicitar á USC polo seu recente recoñecemento internacional.

Segundo sinalou o concelleiro Juan de la Fuente "estamos ante unhas obras complexas, que requiren especialización, xa que non se trata de facer de cero, senón de retirar os elementos deteriorados e substituílos por outros novos tendo especial coidado con aqueles que se van manter, como por exemplo as árbores" e que teñen un obxectivo claro "sacar ao campus do estado calamitoso no que se atopa". Os traballos comezaron hai aproximadamente un mes e medio e están sendo executados pola Brigada de Vías e Obras. O edil traballa coa previsión de que as obras estén rematadas a finais de xaneiro.

En concreto, estanse a reparar as beirarrúas, moi danadas, e o pavimento da meirande parte das rúas. Asímesmo, vanse levantar todos os bancos para proceder ao seu pintado ou substitución, segundo o estado no que se atopen. Tamén se acondicionarán as zonas deportivas e todas aquelas áreas que o necesiten, a excepcións do xardíns, que son competencia da Universidade.

Documentos relacionados



Compartir: