MEDIO AMBIENTE

Rematan os traballos de mellora no cauce do río Sar ao seu paso pola Rocha

22/10/2011 A concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, vén de informar que remataron as obras de mellora no cauce do río Sar ao seu paso pola parroquia da Rocha.

Concretamente os traballos consistiron na reparación do tramo de tubería de saneamento baixo a ponte da Rocha, colector que recolle as augas fecais de varias parroquias do municipio entre as que se atopan Castiñeiriño, Conxo e Pontepedriña, unha vez que se executou o desvío provisional do río.

Así, unha vez detectada a incidencia, a concelleira indicou á empresa Aquagest que procedera a solucionar os problemas orixinados pola avaría producida na tubería de formigón dun xeito inmediato co fin de aproveitar as boas condicións climáticas actuais e ante a inminente chegada das choivas que dificultarían, en gran medida, a execución dos traballos xa que aumentaría o nivel do río e cubriría o tubo na súa totalidade.

A actuación consistiu no formigonado tipo "rampla" das zonas fisuradas da tubería, por onde se producía a infiltración da agua do río, e o seu posterior recheo, para a continaución restablecer o cauce normal do río. Previamente, recolleuse a auga existente con bomba de achique. A concelleira manifestou que esta situación se remonta a fai catro anos e que o anterior goberno era coñecedor do problema, que obviou.

Compartir: