TRABALLO

O Servizo de Intermediación Laboral xestiona as máis de 1.700 candidaturas da I Feira Internacional de Emprego

22/10/2011 Os candidatos e as entidades participantes entrarán en contacto mediante as xestións do Servizo Local de Emprego. O número de ofertas de traballo confirmadas ata o momento aproxímase ás 200. O programa de xornadas estará dispoñible nos vindeiros días.

A I Feira Internacional de Emprego (FIE) se celebrará en Santiago de Compostela durante os días 3 e 4 de novembro. Esta iniciativa, organizada pola Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego de Santiago de Compostela, en colaboración coas entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego (PALE), pretende dinamizar e mellorar o mercado de emprego local a través do contacto entre empresas que ofertan postos laborais e demandantes de emprego.

Durante as tres primeiras semanas de outubro máis de 1700 persoas enviaron o seu currículo a través da páxina web www.feiradoempregosantiago.org. O proceso, totalmente gratuíto e no que podían participar todas as persoas desempregadas ou que estean procurando unha mellora de emprego e residentes no Concello de Santiago, permite optar como candidato ás entrevistas de selección das empresas que acudan ao evento.

Ata os días previos á celebración da Feira, o Servizo Local de Emprego do Concello desenvolve un protocolo de intermediación laboral que facilita o contacto entre os candidatos más axeitados e as ofertas presentadas polas entidades participantes. Un equipo de técnicos expertos en orientación e inserción profesional está xa a valorar os currículos aportados e comunicará aos seleccionados a data e hora da/s entrevista/s e/ou proba/s concertada/s.

O Servizo Local de Emprego formúlase como un espazo integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais que pretenden facilitar a inserción laboral dos desempregados, ademais de realizar a intermediación laboral coas empresas. Entre as súas ferramentas de traballo conta coa Plataforma de Intermediación Laboral, un sistema informático que relaciona o tratamento das demandas laborais coa xestión administrativa interna, e o Boletín de ofertas de emprego Maiscompostela, de distribución gratuíta os martes e xoves, que contén as ofertas de emprego recentes publicadas en xornais e boletíns oficiais.

Ofertas de traballo
Ata o momento, as empresas e entidades participantes na FIE confirmaron 198 ofertas de traballo. Na páxina web pode consultarse toda a información relativa ás empresas que toman parte na Feira Internacional de Emprego: perfís laborais que más lles interesan, requisitos dos candidatos aos postos ofertados e condicións laborais que ofrecen aos futuros traballadores.

Xornadas gratuítas
Baixo o título de ‘Os Novos Mercados de Traballo e as Estratexias Innovadoras para a Busca de Emprego’, a Feira Internacional de Emprego desenvolverá durante dúas xornadas unha serie de obradoiros e conferencias de asistencia totalmente gratuíta. O programa completo destas xornadas, nas que tomarán parte diversos especialistas en materias relacionadas coas habilidades laborais e a busca efectiva de emprego, será feito público nos próximos días. Os interesados en participar nestas xornadas deberán inscribirse a través da páxina web da FIE, www.feiradoempregosantiago.org, nun prazo que será anunciado nos vindeiros días.

Compartir: