TURISMO

Compostela presenta en Berlín e París as súas novidades turísticas

07/03/2006 Turismo de Santiago participa entre o 8 e 12 de marzo na maior convocatoria europea de turismo, a Internationale Tourismus Börse (ITB) de Berlín, e súmase tamén un ano máis ás actividades do Día de España en París o próximo martes 14.

Santiago de Compostela estará presente na 40 edición da ITB cun stand propio na sección denominada ‘Art Cities in Europe’ (Cidades Culturais Europeas), dentro do hall dedicado ao turismo cultural, que reúne a preto de 200 expositores.

Na axenda de actividades de Compostela na feira, destacan dúas roldas de prensa de Turismo de Santiago ante turoperadores e prensa europea, os días xoves 16 e venres 17 ás 16:00 h, para dar a coñecer os servizos turísticos de máis recente consolidación en Santiago, como o portal www.santiagoreservas.com de Compostur e os voos de Air Berlin, que conectan a 10 cidades alemanas co aeroporto de Lavacolla vía Plama de Mallorca.

Mesa redonda sobre as catedrais
Outro dos eventos destacados da axenda compostelá é a mesa redonda convocada pola influínte Evangelische Kirche Deutschland (igrexa evanxélica alemana) para o sábado 18, e que reunirá a varios destinos relixiosos de Europa e de Oriente Próximo

O foro versará sobre ‘As catedrais e igrexas como polos de atracción turística’ e contará coa presencia dos responsábeis turísticos de cidades con destacados templos españois –catedrais de Compostela e Palma de Mallorca-, europeos –igrexa de Nosa Señora de Dresden e Stadtkirche Nürenberg- e orientais –Santo Sepulcro de Xerusalén e basílica de Aya Sofía de Istambul.

A delegación compostelá participará tamén nun curso da organización Mundial de Turismo sobre ‘Comercialización de destinos turísticos en Internet’ e manterá entrevistas cos principais turoperadores e axencias emisoras de turismo cultural-relixioso a Santiago, cos directores das oficinas de turismo de España en Frankfurt e Munich e co responsábel de Air Berlin en España, Álvaro Middelmann.

Día de España en París
Turismo de Santiago tamén estará presente o martes 14 de marzo na edición anual do Día de España en París, grazas á invitación da Oficina Española de Turismo da capital francesa, para promover no marco desta importante celebración o turismo cara á capital galega.

Pola mañá, Santiago asistirá a unha conferencia de prensa durante a cal varias cidades españolas presentarán os seus productos máis novos de turismo cultural para este ano. Seguidamente, pola tarde, realizaranse dous sesións de traballo cos turoperadores e axencias emisoras interesados no turismo cultural e na realización de reunións e congresos en Compostela.

Compartir: