ALCALDÍA

A terminal de carga de Lavacolla recuperará en breve a súa actividade

21/10/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, anunciou que xa hai solución para o peche da terminal de carga do aeroporto de Lavacolla. A instalación recuperará en breve a súa actividade tras o acordo asinado entre a anterior xestora, Groundforce, cunha nova, Deltacargo.

Conde Roa quixo así enviar unha "mensaxe de tranquilidade" aos empresarios composteláns, anunciando que a terminal de carga volverá estar operativa, despois duns meses de peche. O alcalde agradeceu o esforzo de AENA, dos traballadores, da empresa e da Cámara de Comercio para chegar a esta solución.

Orzamentos da Xunta e Tribunal de Contas
A preguntas dos xornalistas, o rexedor municipal fixo unha breve referencia ás partidas dos orzamentos da Xunta previstas para Santiago. Indicou que se realizará unha valoración definitiva unha vez estudadas en profundidade, se ben valorou inicialmente o investimento de 14 millóns de euros no parque empresarial da Sionlla ou a continuidade das obras iniciadas.

Tamén se referiu na rolda de prensa á decisión do Tribunal de Contas de continuar coas dilixencias a propósito dunha denuncia por facturas sen contabilizar de 2008. "O Tribunal entende que existen elementos suficientes para continuar coas dilixencias", apuntou.

Compartir: