DEPORTES

Deportes afronta a solución das deficiencias do novo campo de fútbol de San Lázaro

20/10/2011 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, explicou en rolda de prensa diversas irregularidades atopadas no seu departamento, como "compromisos verbais" ou un "nulo control do gasto". Ademais, denunciou as deficiencias atopadas no campo de fútbol de San Lázaro (a carón do SERGAS), que agora está intentando solucionar a Concellería.

Adrián Varela anunciou que os primeiros adestramentos no campo de fútbol de San Lázaro se realizarán nesta xornada, cando se trata dunha obra recibida hai preto dun ano. Lembrou que esta obra supuxo un investimento de máis de 1,2 millóns de euros nas súas diversas fases. Na primeira, por case 900.000 euros, construírase o terreo de xogo (inicialmente de terra), as gradas e os vestiarios. Posteriormente colocouse a superficie de herba artificial.

Entre as deficiencias atopadas, citou as filtracións de auga nas gradas, "moi complicadas de arranxar", ou as acumulacións de auga, pola mala colocación dos desaugues. Tamén lamentou as anomalías nos accesos para discapacitados ou as "ridículas dimensións" dos vestiarios, nos que "dificilmente entran 12 persoas".

Outra carencia–explicou- é a do sistema eléctrico, xa que inicialmente se concibira o terreo de xogo con terra. "A colocación da herba artificial implica un sistema de rego automático e atopámonos con que os sistema eléctrico non está preparado para soportalo". A isto engadiu a falta de liquidez coa empresa subministradora de electricidade, polo que "non podemos dar de alta o servizo". Por todo isto, veuse funcionando "en precario e cun grupo electróxeno".

Anunciou que será preciso realizar un "modificado" para solucionar esta deficiencia no sistema eléctrico. E á espera afrontar os pagos coa compañía eléctrica –dixo- resolverase temporalmente o problema recorrendo a unha empresa externa.

Finalmente, o concelleiro expresou a súa sorpresa porque, nun clima como o de Santiago, se tivera concibido o recinto con gradas sen cuberta. Tamén se proxectou sen instalación de alumeado artificial. Esta carencia estará superada nun par de semanas coa colocación do alumeado, unha actuación que custará 50.000 euros, 20.000 menos do contemplado como importe de licitación no proxecto.

Compromisos verbais cos clubs
Sobre a situación do seu departamento, indicou que, nas súas reunións cos clubs da cidade se atopou con "compromisos verbais" do anterior Goberno non sustentadas en partidas orzamentarias. Neste sentido, lamentou o prexuízo que isto lle ten causado a moitos clubs que incluíron eses compromisos nos seus orzamentos. Puxo como exemplo a concesión de 10.200 euros a unha entidade á que, verbalmente, se lle prometeran 30.000.

O edil tamén se referiu á aparición de "facturas sen conformar" tanto de 2010 como de 2009 e indicou que estas facturas e os compromisos verbais suman uns 200.000 euros. Lembrou que as partidas de subvencións incluídas nos orzamentos deste exercicio 2010 son: 237.000 euros para subvencións nominativas; 207.000 euros para clubs federados e 20.000 euros para escolas deportivas.

Fundación Compostela Deporte e XADE
Adrián Varela aproveitou a rolda de prensa para falar igualmente da Fundación Compostela Deporte, que arrastra unha débeda de máis de 200.000 euros. Ademais, afirmou que lle "chamaba a atención" que no listado de acredores estivera unha firma de avogados emparentada cunha concelleira do anterior Goberno cando "hai 740 licenciados en dereito colexiados na cidade".

Para rematar, anunciou que en breve falará sobre XADE, adiantando que consideraba "incomprensible que se deixara a unha empresa privada facerse co control da empresa máis rendible, contravindo os estatutos".

Compartir: