EMPREGO

Preto de 1.700 inscritos para as entrevistas de traballo da I Feira Internacional de Emprego

20/10/2011 A I Feira Internacional de Emprego (FIE) celebrarase en Santiago de Compostela os días 3 e 4 de novembro. Esta iniciativa, organizada pola Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, en colaboración coas entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego (PALE), pretende dinamizar e mellorar o mercado de emprego local a través do contacto entre empresas que ofertan postos laborais e demandantes de emprego.

Ata o momento, case 1.700 persoas enviaron o seu currículo a través da páxina web www.feiradoempregosantiago.org. O proceso, totalmente gratuíto e no que poden participar todas as persoas desempregadas ou que estean procurando unha mellora de emprego que sexan residentes no Concello de Santiago, permite optar como candidato ás entrevistas de selección das empresas que acudan ao evento.

Unha vez rematado o prazo de inscrición dos candidatos (o 21 de outubro), o Servizo Local de Emprego do Concello desenvolverá un protocolo de intermediación laboral que facilite o contacto entre os candidatos más axeitados e as ofertas presentadas polas entidades participantes. Un equipo de técnicos expertos en orientación e inserción profesional valorará os currículos aportados e comunicará aos seleccionados a data e hora da/s entrevista/s e/ou probas concertada/s.

O Servizo Local de Emprego formúlase como un espazo integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais que pretenden facilitar a inserción laboral dos desempregados, ademais de realizar a intermediación laboral coas empresas. Entre as súas ferramentas de traballo conta coa Plataforma de Intermediación Laboral, un sistema informático que relaciona o tratamento das demandas laborais coa xestión administrativa interna, e o boletín de ofertas de emprego Maiscompostela, de distribución gratuíta os martes e xoves, que contén as ofertas de emprego recentes publicadas en xornais e boletíns oficiais.

Ofertas de traballo
Ata o momento, as empresas e entidades participantes na FIE confirmaron 196 ofertas de traballo. Na páxina web pode consultarse toda a información relativa ás empresas que toman parte na Feira Internacional de Emprego: perfís laborais que máis lles interesan, requisitos dos candidatos aos postos ofertados e condicións laborais que ofrecen aos futuros traballadores.

Xornadas gratuítas
Baixo o título de Os novos mercados de traballo e as estratexias innovadoras para a busca de emprego, a Feira Internacional de Emprego desenvolverá durante dúas xornadas unha serie de obradoiros e conferencias de asistencia totalmente gratuíta. O programa completo destas xornadas, nas que tomarán parte diversos especialistas en materias relacionadas coas habilidades laborais e a busca efectiva de emprego, será feito público nos próximos días.

Os interesados en participar nestas xornadas deberán inscribirse a través da páxina web da FIE, www.feiradoempregosantiago.org, nun prazo que será anunciado en breve.

Compartir: